A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pechou este domingo as súas portas despois de recibir unha cifra aproximada de máis de 14.000 visitantes durante os seus tres días de duración e cunha homenaxe de última ahora ao pintor pontevedrés Manuel Moldes, falecido este mesmo domingo en Pontevedra aos 68 anos.
O falecemento de Moldes marcou esta edición do Culturgal. A organización destaca que foi un renovador atlántico de Pontevedra e este domingo rendeulle homenaxe nun acto presentado polo artista Antón Sobral e que contou coa presenza de representantes de distintas institucións, entre eles o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Segundo a información facilitada pola organización, a feira mantivo un alto nivel de asistencia, aínda que se rexistrou un lixeiro descenso de público o sábado respecto das anteriores edicións. O domingo a asistencia foi masiva.
Culturgal 2017 pechou a porta pensando xa na edición 2018, para a que acaban de facilitar xa a datas de celebración. Será entre o 30 de novembro e o 2 de decembro de 2018.
A modo de balance, a organización destaca que Culturgal é unha feira que cada ano trata de innovar e crear novos espazos de diálogo para públicos e axentes culturais e que están moi satisfeitos coas novedades da décima edición, na que Portugal e a Arte Contemporánea foron as grandes apostas.
Ademais, consolidouse o venres como xornada dirixida fundamentalmente a profesionais e foi a primeira edición na que Culturgal celebrou o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Este domingo 3, de forma simbólica e activa ao mesmo tempo, celebráronse distintas actividades para visibilizar a actividade de persoas de distintas capacidades, entre elas, a exposición Arte Inclusiva no Espazo Arte Contemporánea, promovida polo Concello de Pontevedra.
A integración da cultura portuguesa tanto no programa de actividades como na relación de expositores, a través do acordo coa Direção Regional de Cultura do Norte, foi calificado pola organización como "un acerto de cara a estabilizar a presenza de axentes do país veciño na Feira".
Tamén desde a organización da Culturgal sinalan que o Espazo Arte Contemporánea, que se estreou este 2017, superou as expectativas neste primeiro ano no que se promoveu a entrada das artes plásticas á par que o resto dos sectores presentes na Feira.
Esta edición 2017 foi a última edición baixo a presidencia de Manuel Bragado. A directiva da Asociación Culturgal escollerá en breve nova presidencia.