Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega

Pontevedra
01 de decembro 2013

"Ti contas no Culturgal" era o lema co que partía a nova edición da Feira das Industrias Culturais  de Galicia. Os seus organizadores buscaban un compromiso maior por parte do público. E vendo os datos, a resposta foi moi positiva. Máis de 14.000 persoas pasaron polos preto de 70 stands instalados durante toda a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, un dos mellores resultados da súa historia

Público asistente a unha das últimas actividades de Culturgal 2013
Público asistente a unha das últimas actividades de Culturgal 2013

"Ti contas no Culturgal" era o lema co que partía a nova edición da Feira das Industrias Culturais  de Galicia. Os seus organizadores buscaban un compromiso maior por parte do público. E vendo os datos, a resposta foi moi positiva. Máis de 14.000 persoas pasaron polos preto de 70 stands instalados durante toda a fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, un dos mellores resultados da súa historia.

A organización do Culturgal valorou de maneira moi positiva a resposta do público "porque un ano máis volveu ser a referencia para milleiros de persoas que decidiron coñecer e gozar da actividade cultural que se desenvolve neste país", sinalou Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal. "Xa é un punto de encontro para o público coas novidades culturais así como entre empresas e axentes que teñen a feira como un espazo de reunión e diálogo".

Xulio Amigo destacou ademais que trala redución de máis do 55% do apoio institucional, o público respondeu á chamada á "corresponsabilidade" da organización do Culturgal, non só asistindo á feira durante as tres xornadas senón tamén mercando produtos culturais nos distintos stands e asumindo o pago voluntario da chapa colaborativa. Case un 20% do público que entrou no Culturgal este ano abonou a entrada responsable e voluntaria de tres euros.

"Gran parte do público que se achegaba ao Pazo viña xa con toda a intención de pagar a entrada, o que nos dá azos e un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, un Culturgal no que o público xogará un papel máis activo e no que asumirá unha maior responsabilidade", explicou o presidente da asociación que organiza a feira.

Culturgal mostrouse un ano máis como observatorio e escaparate da cultura galega e, desde a organización valórase de maneira especialmente positiva os cambios introducidos no deseño do recinto, coa instalación da carpa para a música e a apertura do espazo cinema. Un agradecemento que Xulio Amigo fixo extensivo a todas aquelas entidades e empresas participantes "confiando de novo en nós para mostrar a súa actividade e os seus produtos".

TERCEIRA XORNADA DO CULTURGAL

Nesta terceira e última xornada do Culturgal 2013, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibiu o Premio do Público polo seu labor durante quince anos a prol da cultura galega. O outro gran protagonista do día foi Díaz Castro, un mes antes de que se inicie o ano no que o autor será homenaxeado co Día das Letras Galegas. Foi cunha mesa redonda sobre a súa obra e a súa biografía e coa estrea do documental, O instante eterno arredor da súa figura.

Como nos días anteriores, as novidades da cultura chegaron tamén a Culturgal con propostas como os novos libros Historia de Galicia de Anselmo López Carreira, Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Craneo, Divina de la muerte de Jorge Emilio Bóveda, a edición en galego de Apocalipse Z de Manel Loureiro ou Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto.

Por último, Radio Cos, Segunda Fronteira ou Sergio Tannus presentaron os seus novos traballos discográficos nunha xornada na que a música veu tamén da man de Scherzando, Tanxedoras ou O cabaré da muller paxaro. O programa infantil, como nos tres días, veu completo, coa presentación do novo disco de Xabier Díaz, Toc Toc, o primeiro xoguete do Xabarín Club ou Pedaciños de Ceo da Aula Folque.

Un debate sobre crowdfunding ou sobre as novas fórmulas de supervivencia para a creación afondaron na situación actual do panorama cultural e puxeron o punto e final a un Culturgal que volveu a consolidarse como o máis sólido escaparate para a cultura galega.