Máis de 2.500 persoas asistiron ás proxeccións do festival Novos Cinemas

Pontevedra
10 de xullo 2017

O balance da Edición 02 de Novos Cinemas, o festival internacional de cine de Pontevedra, non pode ser máis positivo. Os seus organizadores sinalaron que máis de 2.500 persoas acudiron a ver as preto de 40 pezas audiovisuais, procedentes de diversos lugares do mundo, que integraron as diferentes seccións da súa programación

Proxeccións da Sección Oficial de Novos Cinemas 02
Proxeccións da Sección Oficial de Novos Cinemas 02 / Mónica Patxot

O balance da Edición 02 de Novos Cinemas, o festival internacional de cine de Pontevedra, non pode ser máis positivo. Os seus organizadores sinalaron que máis de 2.500 persoas acudiron a ver as preto de 40 pezas audiovisuais, procedentes de diversos lugares do mundo, que integraron as diferentes seccións da súa programación.

Durante os seis días de festival, Novos Cinemas logrou cumprir "amplamente" os obxectivos trazados pola organización.

Así, aseguran que púidose detectar, visibilizar e apostar polo talento emerxente, proxectando primeiras ou segundas longametraxes de realizadores nacionais e internacionais, entre outros grandes películas de directores como Damien Manivel (Le parc), Adrián Silvestre (Los objetos amorosos), Miguel Ribeiro (Antonio, um, dos, tres) ou Carla Simón (Estiu 1993).

Ademais, os organizadores do festival celebran a boa acollida que tivo a sección non competitiva Latexos, composta por unha pequena selección de filmes de arrebatada intimidade e fraxilidade e que na súa maior parte permanecían inéditos no noso país.

Novos Cinemas, por outra banda, logrou fomentar a formación audiovisual da cidadanía, a partir dun amplo programa formativo no que puideron participar alumnos desde a educación infantil ata o bacharelato e cunha énfase especial no campus de Pontevedra, no que os alumnos asistiron a obradoiros impartidos por Oliver Laxe ou Matías Piñeiro.

Esta edición de Novos Cinemas tamén funcionou como punto de encontro do sector audiovisual e escaparate do traballo feito en Galicia arredor deste eido, cunha nova edición do programa #LAB, e houbo tempo para as conversas con profesionais do sector.