Máis de 40.000 persoas visitaron a exposición sobre Exipto no Sexto Edificio do Museo

Pontevedra
06 de outubro 2014

A mostra convértese así na segunda máis visitada na historia do Museo de Pontevedra, segundo explica a Deputación

Exposición sobre o antigo Exipto no Sexto Edificio do Museo Mónica Patxot

A exposición 'Da vida á morte no antigo Exipto' pechou as súas portas este domingo no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra convertida na segunda mostra máis visitada na súa historia, segundo explica a Deputación.

Dende a súa apertura, o día 10 de xullo, foron máis de 40.000 as persoas que visitaron a mostra, composta por 132 pezas procedentes do Museo Exipcio de Florencia.

Só a exposición de motos históricas que acolleu o Edificio Sarmiento no ano 2012 contou con cifras máis elevadas, un total de 46.500 visitantes.

A alta afluencia provocou ademais que a mostra prolongase a súa apertura un mes máis do inicialmente previsto.

Tamén foi necesario, segundo explica a Administración provincial, ampliar a frecuencia das visitas guiadas, polas que pasaron máis de 1.500 persoas, ao que hai que sumar os máis de 2.500 visitantes que chegaron a través de grupos organizados por centros escolares e diversas asociacións.