A atención temperá reúne en Poio a expertos, familias e profesionais para compartir experiencias

Poio
20 de xuño 2026

A xornada, desenvolvida no Pazo Besada, naceu coa intención de crear un espazo de diálogo e aprendizaxe compartida no que abordar o desenvolvemento infantil desde diferentes ámbitos

Congreso de Atención Temperá de Poio
Congreso de Atención Temperá de Poio / Xunta de Galicia

O Pazo Besada acolleu este sábado o primeiro Congreso de Atención Temperá de Poio, baixo o título “Medrando en Familia”, unha cita que logrou completar todas as prazas dispoñibles e reuniu arredor dun centenar de persoas entre profesionais e familias vinculadas a este servizo.

A xornada naceu coa intención de crear un espazo de diálogo e aprendizaxe compartida no que abordar o desenvolvemento infantil desde diferentes ámbitos como o sanitario, o educativo, o social e tamén o familiar.

O obxectivo foi poñer en común experiencias e coñecementos para mellorar a resposta ante as necesidades dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida.

A inauguración contou coa presenza da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.

Durante a apertura, Moldes puxo en valor o camiño percorrido pola Unidade de Atención Temperá de Poio, creada hai menos de ano e medio e que xa prestou atención a un cento de menores do municipio.

O rexedor destacou o labor do equipo formado por unha psicóloga, unha fisioterapeuta e unha logopeda, e asegurou que o servizo "pasou de ser unha aposta municipal a converterse nun recurso imprescindible para moitas familias".

Segundo explicou, a atención temperá supón un apoio fundamental tanto para os pequenos como para os seus pais e nais, ofrecendo acompañamento e favorecendo avances no desenvolvemento.

Pola súa banda, Fabiola García anunciou durante o encontro que a Xunta convocará proximamente unha nova liña de axudas destinada ao mantemento e creación de unidades de atención temperá, cun investimento previsto de 18,4 millóns de euros para o período 2026-2028.

Esta medida permitirá reforzar a Rede galega de Atención Temperá e impulsar a creación de oito novos servizos.

A conselleira destacou a evolución destes recursos en Galicia, lembrando que fronte ás dúas unidades existentes no ano 2009, na actualidade xa funcionan máis de medio cento, dando cobertura a 200 concellos e atendendo a máis de 6.000 familias.

O programa do congreso incluíu intervencións de especialistas de diferentes áreas. A psicóloga especializada en Atención Temperá e coordinadora da unidade de Poio, Sonia Limés, foi a encargada de iniciar as charlas, ás que se sumaron a pediatra e neuropediatra Laura Arias; a traballadora social do Concello de Poio, Rosa Freire; Ana Martín-Serrano, nai dun neno autista e impulsora dunha marca galega de produtos adaptados; e Nerea Díaz, mestra de Educación Infantil especializada en innovación educativa.

A sesión rematou cunha mesa redonda aberta ás familias asistentes, que puideron compartir experiencias, dúbidas e reflexións sobre os retos da atención temperá. Ademais, o Concello de Poio facilitou un servizo gratuíto de monitorado infantil para favorecer a conciliación e permitir a participación das familias.