Catro millóns de euros para blindar o saneamento de Poio fronte ás choivas intensas

Poio
19 de xuño 2026

Trátase de garantir un sistema de saneamento máis eficiente, sostible e preparado para responder ás necesidades dunha poboación en crecemento e aos efectos dos episodios meteorolóxicos

Ángeles Vázquez e Ángel Moldes
Ángeles Vázquez e Ángel Moldes / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, formalizaron este venres o convenio de colaboración que fará posible a construción dun tanque de tormentas e dun novo sistema de bombeo, unha actuación que mobilizará preto de catro millóns de euros e que permitirá mellorar a xestión das augas residuais e reducir o impacto das choivas intensas sobre a ría de Pontevedra.

O acordo establece que Augas de Galicia asumirá o 80% do investimento, mentres que o Concello achegará o 20% restante.

O proxecto contará ademais con financiamento europeo a través dos fondos FEDER 2021-2027.

A actuación desenvolverase no lugar de Recheo, onde se construirá un tanque de tormentas soterrado destinado a almacenar temporalmente os excesos de caudal que se producen durante os episodios de choiva intensa.

A infraestrutura terá unha capacidade útil de arredor de 618 metros cúbicos por hora e permitirá evitar sobrecargas na rede, reducindo así o risco de vertidos ao medio natural.

Segundo explicou a conselleira, os estudos realizados detectaron diversas limitacións no sistema actual, entre elas a entrada de auga do mar, infiltracións na rede e alivios frecuentes durante períodos de fortes precipitacións. Estas circunstancias provocan un exceso de caudal que compromete a eficiencia do sistema de saneamento e evidencian a necesidade de incorporar novas infraestruturas de regulación.

O proxecto inclúe tamén a construción dun novo pozo de bombeo na Barca, que permitirá recoller e impulsar as augas procedentes da rede e das zonas rurais próximas cara ao novo sistema de depuración.

A maiores, executarase unha condución de impulsión de 1,25 quilómetros que conectará o tanque de tormentas coa rede xeral de saneamento do municipio.

As obras completaranse con aliviadoiros de seguridade e diversos elementos auxiliares de control e explotación destinados a garantir o correcto funcionamento da rede en situacións extraordinarias e a reforzar a protección ambiental da contorna.

A intervención está deseñada para dar resposta ás necesidades futuras do municipio e beneficiar, segundo as estimacións realizadas, a unha poboación de 8.246 habitantes no horizonte do ano 2047.

Durante o acto, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou a importancia deste investimento dentro da folla de ruta marcada polo goberno municipal. "Este mandato é para nós o mandato do saneamento", asegurou.

Moldes lembrou que un dos compromisos adquiridos ao chegar á Alcaldía foi desbloquear o contrato da auga, que levaba varios anos caducado. Segundo explicou, o proceso atópase xa na súa fase final e nas próximas semanas prevese a adxudicación dun contrato que permitirá executar máis de 15 millóns de euros en obras hidráulicas en diferentes puntos do municipio.

O rexedor mostrouse convencido de que estas actuacións situarán a Poio entre os concellos galegos con mellores prestacións neste ámbito. "Poio vai poder presumir de ser un dos concellos de Galicia que está na Champions do saneamento e da calidade dos servizos", afirmou.