O BNG de Poio vén de denunciar reiterados cortes de subministro eléctrico producidos durante os últimos días en diferentes puntos da parroquia de San Salvador.
A portavoz nacionalista, Marga Caldas, asegura que a situación está a provocar un crecente malestar entre a veciñanza de zonas como A Caeira, Andurique e Valiña, entre outras, e reclama ao Concello que aclare de maneira inmediata as causas destas interrupcións e que adopte as medidas necesarias para poñerlles fin.
Segundo explica o Bloque, os cortes están a afectar tanto a vivendas como a negocios da zona, chegando nalgúns casos a producirse interrupcións do servizo de até unha hora de duración tanto polo día como durante a noite, o que ocasiona importantes trastornos na vida diaria da veciñanza e tamén perdas e dificultades para a actividade comercial.
Para Caldas a situación non é un simple 'apagón' puntual, senón algo reiterado e que se produce sen información previa e sen saber cando se vai restablecer o servizo.
A nacionalista considera especialmente grave que estes cortes se produzan nun momento no que continúan as obras da PO-308 nun dos treitos con maior número de vivendas do municipio e onde xa existen importantes problemas de mobilidade peonil derivados da propia execución dos traballos. "Se ademais desaparece a iluminación pública o risco multiplícase", advirte Caldas.
A nacionalista lembra que o pasado mes de novembro o BNG xa denunciara publicamente a falta de iluminación na contorna, alertando da sensación de inseguridade que estaba a sufrir a veciñanza e do perigo que supuña transitar pola zona a escuras.
O Bloque reclama explicacións ao goberno do PP e, no caso de non ter responsabilidade, que actúe como interlocutor e esixa solucións a quen corresponda.