A cifra de peregrinos que visitan Poio, en aumento: Un 30% máis nos primeiros cinco meses do ano

Poio
16 de xuño 2026

Entre xaneiro e maio rexistráronse 4.788 peregrinos nos puntos de selado do Concello e do Mosteiro de Poio, fronte aos 3.661 do mesmo período de 2025

Un grupo de peregrinos fronte ao Concello de Poio
Un grupo de peregrinos fronte ao Concello de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio recibe cada vez máis a visita de peregrinos a través da Variante Espiritual do Camiño Portugués.

Segundo os datos recompilados nos puntos de selado do Concello e do Mosteiro de Poio, a cifra durante os primeiros meses do ano incrementouse en máis dun 30% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

En concreto até maio rexistráronse un total de 4.788 peregrinos en Poio, fronte aos 3.661 contabilizados en 2025.

Uns datos que segundo a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, "confirman que o turismo xacobeo é xa un motor socioeconómico cada vez máis importante para Poio, con moitísimo potencial".

Para a edil as variantes xacobeas demostraron o seu papel desestacionalizador e internacional, xa que entre os peregrinos que chegaron entre xaneiro e maio, un 80% eran de orixe estranxeira, de máis de 60 nacionalidades do cinco continentes.

"Falamos duns visitantes que chegan durante todo o ano, que descubren o noso patrimonio, e que cada vez máis consumen na hostalería e no comercio local, utilizan servizos, pernoctan no municipio e, se converten en extraordinarios embaixadores de Poio cando regresan ao seu país", afirma Cochón.

A edil de Turismo destacou o forte crecemento de peregrinos procedentes de orixes como Polonia, cun 300% máis de peregrinos que en 2025, China, cun 120%, Canadá (50%), Alemaña, Italia ou Portugal, todos eles cunha subida superior ao 20%.

Tamén se rexistraron peregrinos de nacionalidades que non se deran anteriormente como Albania, Honduras ou Kazaxistán.

O ranking de nacionalidades dos peregrinos estranxeiros chegado a Poio no que vai de ano lidérano Portugal (21,5%), EEUU (13%), Italia (11%), China (6%) e Alemaña (5,7%), seguidos por Reino Unido, Canadá, Países Baixos, Polonia e Bélxica.