Poio pon en marcha unha nova edición da súa Semana Máxica, unha iniciativa lúdica e educativa que ofrece á rapazada a oportunidade de participar nun campamento con aloxamento, xogos, obradoiros, excursións e veladas nocturnas.
Este ano, ademais, como novidade, incluirá un bautismo hípico para toda a mocidade que participe, en calquera das dúas quendas dispoñibles.
A actividade, de carácter gratuíto e subvencionada integramente polo Concello, está pensada para rapaces e rapazas que cursen 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO, e desenvolverase en dúas quendas de 25 prazas cada unha na escola de Tarrío, en Samieira.
A primeira quenda, para o alumnado de secundaria, terá lugar do 17 ao 19 de agosto; e a segunda, dirixida a último ciclo de primaria, será do 19 ao 21 de agosto.
As persoas participantes contarán con aloxamento en pensión completa, así como con todas as comodidades e materiais necesarios para gozar de actividades como sendeirismo, expresión artística, xogos de grupo e obradoiros creativos.

O prazo para inscribirse abrirá o 15 de xullo a través da sede electrónica do Concello de Poio ou de xeito presencial no rexistro xeral da Casa do Concello.
Xunto co formulario de inscrición deberán presentar copia do DNI da persoa participante, e calquera outra documentación relevante sobre datos médicos ou situacións familiares que sexa preciso coñecer para garantir o bo desenvolvemento da actividade.
A lista de admitidos e de reserva publicarase o 5 de agosto.
A concelleira de mocidade, Tamara González, salienta que o verán "é tempo de facer amizades, de compartir e de vivir experiencias únicas" e confía en que a Semana Máxica contribúa a que a rapazada disfrute dun verán "inesquecible".