Tres anos cúmprense xa de mandato do actual goberno local de Poio co popular Ángel Moldes na alcaldía.
Unha efeméride que aproveitou o grupo de goberno para facer balance nun encontro en Samieira asegurando que máis do 90% do seu progama está cumprido ou en marcha.
"O cambio é innegable e está á vista da veciñanza", defendeu Moldes cualificando a Poio de "máis dinámico, con máis oportunidades, mellores servizos e maior calidade de vida" debido aos investimentos, melloras de servizos e proxectos postos en marcha.
Segundo o goberno local, executáronse ou están en marcha actuacións por un valor próximo aos 70 millóns de euros.
Entre eses proxectos relevantes sitúan a transformación da PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós (1,6 millóns de euros), a mellora de espazos públicos e infraestruturas en distintas parroquias, os investimentos asociados ao novo contrato do auga (15,4 millóns), os tanques de tormentas da Seca e Saíñas (8 millóns), o futuro polígono industrial de Fragamoreira (30 millóns), o Centro de Día de Campelo (800.000 euros), a estrada entre A Seara e Campelo (1,8 millóns), a mellora do tránsito peonil entre Casalvito e O Padrón (670.000), a senda peonil na PO-303 (1,6 millóns), a mellora das instalacións do Porto de Combarro (2,8 millóns), o peirao de Covelo (450.000), a reurbanización da Rúa Río Oitavén (800.000), Obradoiro de Emprego (500.00), a mellora da contorna do Centro Comercial A Barca (230.000 euros), así como a pista de atletismo da Seca, parques infantís ou a rehabilitación de diversos equipamentos e espazos públicos.
Xunto a infraestruturas, o goberno municipal destacou o reforzo dos servizos públicos e das políticas sociais, incrementando recursos como a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá, o aumento das axudas á conciliación familiar, os programas de formación para persoas desempregadas e as medidas de apoio aos sectores produtivos do municipio.
Ademais, reivindicaron unha xestión económica "responsable e eficiente" reducindo débeda, resolvendo reclamacións históricas e diminuíndo a presión fiscal.
"O balance é moi positivo, pero seguimos sendo un goberno ambicioso e inconformista. Temos claro o modelo de concello que queremos construír e imos seguir traballando para facer de Poio un municipio con máis oportunidades, máis servizos e do que todos os veciños e veciñas poidan sentirse orgullosos", concluíu Ángel Moldes sobre o último ano de mandato que aínda resta por afrontar antes das próximas eleccións á alcaldía.
"TELETENDA PERMANENTE" PARA A OPOSICIÓN
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Poio criticou con dureza o balance realizado por Ángel Moldes, ao que acusan de que "vive instalado nunha realidade paralela" centrada na estratexia comunicativa. Os socialistas sinalan que o executivo local destina máis esforzos "ao autobombo e á propaganda" que a dar resposta ás necesidades reais dos habitantes do municipio, polo que demandan "un pouco de pudor, un pouco de vergoña institucional e un mínimo de respecto á intelixencia dos veciños".
A formación socialista expuxo varios exemplos nos que, segundo afirman, o alcalde recorre a "inflar cifras e vender titulares que non se corresponden coa documentación". Entre os casos citados atópase o proxecto de Fragamoreira, cualificado como un anuncio que non consta nos orzamentos, ou a actuación de Covelo, onde denuncian unha diferenza de partidas entre os comunicados oficiais e o convenio asinado.
Para o PSdeG-PSOE, a situación actual do municipio non se resolve mediante unha "teletenda institucional permanente", senón a través do rigor e da planificación. Os socialistas concluíron que o dinamismo de Poio se debe exclusivamente ao seu tecido social, comercial e asociativo, remarcando que "Poio está vivo pola súa xente, non pola propaganda dun goberno que confunde anunciar con xestionar".
Pola súa banda, Marga Caldas, portavoz do BNG de Poio, definiu esta etapa como "o mandato do fume, das promesas baleiras e da propaganda permanente para ocultar a falta de xestión e de proxecto para Poio". A formación nacionalista coincide co PSOE en entender que o Partido Popular centra os seus esforzos nunha política de escaparate e asume a autoría de actuacións que foron planificadas e impulsadas polo anterior goberno bipartito..
A oposición sinalou varios casos que, ao seu xuízo, demostran a falta de planificación e de transparencia do goberno municipal. Entre eles, destacaron a parálise na tramitación do novo centro de saúde na canteira da Graña, a improvisación na xestión do tráfico polas obras da estrada PO-308 e o conflito laboral do servizo de recollida de lixo coa empresa Valoriza.
Caldas censurou a xestión económica actual, apuntando que o executivo acumula catro préstamos en tres anos, atrasos nos pagos a provedores e reparos por parte de Intervención.
A portavoz criticou que o alcalde non asuma as responsabilidades cando xorden problemas e que opte por centrar a actividade do Concello na organización continua de eventos e celebracións en lugar de atender o mantemento dos espazos públicos e os investimentos estratéxicos para a veciñanza.