O Concello de Poio presentou este xoves o programa das festas de San Xoán 2026, que se desenvolverán entre os días 22 e 27 de xuño cunha combinación de grandes actuacións musicais, actividades culturais, tradición popular e propostas para todas as idades.
O alcalde, Ángel Moldes, estivo acompañado na presentación polos concelleiros de Festexos, Fran Dasilva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, ademais de representantes de asociacións e colectivos locais que colaboran na organización. Unha participación que, segundo destacou o goberno municipal, reflicte o peso fundamental do tecido asociativo nunha das celebracións máis representativas do municipio.
Durante o acto, Moldes puxo en valor o significado especial que ten o San Xoán "unha festa que forma parte da nosa historia, das nosas familias e dos recordos compartidos", sinalou.
A programación arrancará o luns 22 de xuño ás 21.00 horas coa lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Juan Mariño, director da Escola de Música de Campelo-Poio e unha figura moi vinculada á vida cultural do municipio.
A primeira xornada incluirá tamén a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán-Pepe Otero, a actuación do grupo Máis Cantos e a tradicional verbena do Campillo, na que participará a formación local Azabache.
Os Satélites abrirán o ciclo musical na Seca o martes 23 de xuño. Ao día seguinte será a quenda de Ritmo Xove e Charleston, mentres que o xoves 25 compartirán escenario Marbella e Panorama. As actuacións de Capitol e Kubo, previstas para o venres 26, completarán un cartel que sitúa de novo ao San Xoán de Poio entre as citas festivas máis destacadas do inicio do verán en Galicia.
O martes 23 chegará un dos momentos máis esperados das celebracións coa tradicional sardiñada e a gran fogueira de San Xoán na Seca.
Como novidade, o Concello reforzará esta edición incrementando o número de sardiñas que se repartirán entre os asistentes e incorporando o espectáculo "Fogo Fatuo", da compañía Asacocirco, que servirá de antesala ao tradicional acendido da fogueira. Unha proposta que busca potenciar o simbolismo e a espectacularidade da noite máis máxica do ano.
Entre as actividades previstas figura a tradicional recollida das herbas de San Xoán coas pandereteiras do Ronsel, así como actuacións de Vides Novas, Máis Cantos, a Escola de Música Tradicional de Poio, a Coral de Poio, o Coro Virxe da Renda, a Escola de Música de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.
Ademais, durante todo o mes de xuño poderá visitarse no Casal de Ferreirós a exposición "Mitoxénese", da artista local Sara Ramos, unha mostra que reúne ilustracións realizadas entre 2023 e a actualidade.
As celebracións despediranse o 27 de xuño cunha gran festa infantil que contará con escuma e animación musical. Unha actividade que xa se consolidou como un dos clásicos do programa e que permitirá que os máis pequenos se convertan nos protagonistas da xornada final.