Poio autorizará cacharelas en sete praias para a noite de San Xoán

Poio
07 de xuño 2026

Poderá haber fogueiras nos areais de Sinás, Raxó, Laño, Ouriceira, O Padrón, Campelo (porto) e Lourido. Todo deberá quedar limpo e recollido antes das dez da mañá do martes 24 de xuño

Fogueira de San Xoán na Seca, Poio
Fogueira de San Xoán na Seca, Poio / Concello de Poio

A partir do mércores 10 de xuño, os particulares e locais de hostalería que queiran prender unha cacharela ou facer unha grellada polo San Xoán, poderán solicitar os seus permisos.

Con carácter xeral, as grelladas poderán facerse nas zonas interiores dos establecementos de hostalería que cumpran as medidas axeitadas.

Pola súa banda, as fogueiras serán autorizadas en espazos privados e, no caso dos públicos, nos areais das praias de Sinás, Raxó, Laño, Ouriceira, O Padrón, Campelo (porto) e Lourido.

O prazo para presentar as solicitudes remata o luns día 22 de xuño.

A comunicación será preferentemente mediante instancia a través da sede electrónica do Concello, ou no seu defecto, mediante instancia presentada presencialmente no rexistro xeral do Concello.

A persoa solicitante será a responsable de cumprir estritamente todas e cada unha das condicións e as normas de seguridade, entre as que se inclúen a prohibición de ubicar un asador en zonas públicas.

Así, o volume do combustible da fogueira non sobrepasará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura e a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros para as grelladas de 12 metros para as fogueiras.

Ademais, haberá que ter especial coidado de non situar as barbacoas e as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Estará prohibida a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico e en ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión.

E moi importante, deberá haber un punto de auga ou extintor próximos para proceder ao seu apagado ante calquera emerxencia.

Todo o espazo deberá quedar completamente recollido e limpo o martes 24 de xuño, antes das 10.00 horas.