"Poio está no seu mellor momento", asegura o alcalde Ángel Moldes

Poio
13 de xuño 2025
Actualizado: 14:08

Ángel Moldes sinala que o "éxito" é o "traballo transversal" de todo o equipo, "un goberno que traballa a pé de rúa, escoitando ás persoas e ofrecendo solucións"

O goberno de Poio fixo balance de dous anos de mandato
O goberno de Poio fixo balance de dous anos de mandato /

"Poio está no seu mellor momento", asegurou este venres o alcalde, Ángel Moldes.

Sostén que isto é así grazas "á estabilidade, planificación e dinamismo social e económico" que están a promover dende o Concello e que fan que Poio sexa "un lugar atractivo para vivir, para emprender e para
investir".

O goberno local fixo este venres balance de dous anos de mandato afirmando que Poio está "consolidando a súa transformación".

Neste repaso, Moldes fixo referencia a que só para 2025 o seu equipo conseguiu 12 millóns de euros de investimentos doutras administracións para proxectos estratéxicos.

Esta é unha cifra próxima ao orzamento anual do Concello (14 millóns de euros) e que segundo expuxo o alcalde, "demostra capacidade de xestión, negociación e planificación".

O alcalde enumerou algúns dos proxectos que están previstos este ano, como por exemplo a transformación da Barca, a humanización de Campelo á Seara, a senda entre Chacelas e Combarro, a mellora entre Casalvito e O Padrón, os parques infantís en Ánkar e Costa Xiráldez, a pista multideportiva en Vilariño, melloras nas instalacións deportivas, investimentos no saneamento, impulso ao polígono industrial de Fragamoreira ou mellora de camiños municipais en todas as parroquias "cumprindo compromisos históricos".

Ángel Moldes detívose na xestión que logrou "desbloquear" o contrato da auga que vai permitir 15 millóns de euros en investimentos na rede de servizos de saneamento e abastecemento de auga.

Tamén incidiu na creación de 1.000 prazas de aparcadoiros en varias zonas do municipio, incluído o centro de Combarro.

A maiores, tamén recordou a posta en marcha de servizos importantes como a primeira Unidade de Atención Temperá para menores de 6 anos, que xa se está redactando o proxecto para crear o primeiro Centro de Día de Poio ou, a nivel económico, a baixada de impostos, incluído o recibo do IBI do 0,47 ao 0,43.

Neste senso, indicou que están cumprindo cos seus compromisos de goberno e relacionou o "éxito" desta xestión co "traballo transversal de todo o equipo".

Moldes asegurou que o seu é "un goberno que traballa a pé de rúa, escoitando ás persoas e ofrecendo solucións".

Para o alcalde, esta xestión "demostra que si había outro xeito de facer as cousas, con maior responsabilidade e eficiencia".

Ademais, fixo tamén referencia a todas esas iniciativas privadas que están amosando un "interese claro por investir en Poio" e que supoñen crecemento económico e creación de emprego, como por exemplo o supermercado Lidl.

Con respecto a isto, valorou que Poio sexa a día de hoxe "o concello da comarca que máis medra, despois da cidade de Pontevedra", e puxo en valor que son un referente xa na organización de "eventos de primeiro nivel" que contribúen a dinamizar social e economicamente o municipio, e como exemplo puxo a saída histórica de La Vuelta a España desde Poio.

Con todo, recoñeceu que "o mellor para Poio está por chegar", porque están a medio camiño, nesta metade de mandato, "cara unha transformación que xa é visible e se percibe, e que fan deste un concello con máis futuro, con máis oportunidades, con máis vida".