O goberno local do Concello de Poio vén de anunciar que reservará preto de 700.000 euros para executar tres actuacións.
Segundo explica, estes cartos irán destinados á rehabilitación integral do parque Costa Xiráldez (204.000 euros) e a construir baños públicos na praia de Cabeceira (45.000 euros).
Ademáis, preto de 440.000 euros se destinarán para a humanización entre A Seara e Campelo, dentro da achega que o Concello de Poio ten que facer tras o convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.
Con respecto ao resto de fondos, destinaranse tamén para outros pequenos investimentos, así como para resolver "problemas herdados" con actuacións adicionais no espazo coworking da Seca, ao pago dunha sentencia por usurpación dun terreo e demolición de cabaña sen autorización do propietario en 2019 no camiño de Vilanova, ao pago a COVSA tras outra sentencia que revisaba os prezos de obras executadas no anterior mandato, entre outros.
Estes investimentos forman parte dunha operación de crédito de 900.000 euros que se traslada a próxima semana á Comisión de Facenda.
O alcalde, Ángel Moldes, explica que o Concello de Poio "viuse obrigado a buscar fórmulas alternativas" que permitan transformar os 2,3 millóns de euros do superávit de 2024 en investimentos reais, "tras todas as limitacións impostas polo Goberno central".
Como alternativa, o Concello de Poio decidiu amortizar parcialmente un dos préstamos vixentes, que tiña un interese do 3,6% e formalizar unha nova operación cun interese máis baixo e, polo tanto, tamén máis favorable, cun tipo máximo do 2,8%.
"Supón unha operación moi boa porque seguimos tendo menos débeda, imos pagar menos intereses e, o mellor de todo, imos poder materializar os proxectos e investimentos para os veciños", indicou o alcalde.
Moldes incidiu en que "esta decisión non só mellora as condicións financeiras do municipio, senón que garante tamén a execución de proxectos que son fundamentais para os veciños".