Lidl construirá en San Salvador o seu primeiro supermercado en Poio

Poio
11 de xuño 2025
Actualizado: 9:11

O proxecto de construción deste establecemento de alimentación contempla un investimento superior aos seis millóns de euros. Dará emprego a unhas trinta persoas

Parcela en San Salvador de Poio
Parcela en San Salvador de Poio / PontevedraViva

En San Salvador, concretamente nunha parcela de 7.982 metros cadrados situada na Avenida Encoirados 21, é onde a multinacional alemá Lidl construirá o seu primeiro supermercado en Poio.

Así o avanzou o goberno municipal, que asegura que a licenza se aprobará definitivamente a próxima semana e, a partir dese momento, a empresa poderá iniciar as obras.

En todo caso, la previsión é que o supermercado comece a construírse despois do verán.

Para o alcalde, Ángel Moldes, a chegada desta cadea "é, sen dúbida, unha magnífica noticia" para o municipio, ao entender que é unha oportunidade "moi importante" para crear emprego.

A construción deste Lidl en Poio supón un investimento que supera os 6 millóns de euros e a creación de máis de 30 postos de traballo.

O local, que terá unha superficie construída de 2.335 metros cadrados, destinarase para venda de artigos do fogar e alimentación, cunha zona de tránsito de mercadorías e 115 prazas de aparcadoiro para clientes.

O acceso á parcela exponse desde a PO-308, mediante a execución dunha glorieta, para a que xa contan coa resolución favorable da Axencia Galega de Infraestruturas.

Moldes indicou que, desde o primeiro momento, o Concello e os técnicos municipais comezaron a traballar "de maneira decidida" para ofrecer unha solución "viable" que permitise "facer posible" a construción de lestes establecemento.

CRÍTICAS DE BNG E PSOE

Tras coñecer os detalles deste proxecto, os edís de BNG e PSdeG-PSOE quixeron saber en que afectará esta nova rotonda prevista á que estaba proxectada para dar servizo desde a PO-308 na Coruxa á zona norte de Campelo e o futuro centro de saúde da Granxa.

Nacionalistas e socialistas, que no mandato pasado resolveran o acceso ao supermercado cun carril de incorporación, temen que unha rotonda tan próxima -a apenas 300 metros- "poña en perigo" a prevista para Campelo e para o acceso a este equipamento sanitario.

Ademas, censuran que o alcalde venda como un "logro propio" este proxecto cando se trata dunha iniciativa privada que xa estaba en tramitación no mandato anterior.