Estarán autorizadas as cacharelas en sete areais de Poio na noite de San Xoán

Poio
09 de xuño 2025
Actualizado: 13:36

A veciñanza e locais de hostalería poderán tramitar a partir do xoves 12 de xuño as solicitudes ata o 20 de xuño a través da Sede Electrónica ou no Rexistro do Concello

Fogueira de San Xoán na Seca, Poio
Fogueira de San Xoán na Seca, Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio comezará este xoves, 12 de xuño, o período de solicitude de permisos para as tradicionais cacharelas e grelladas de San Xoán, que se celebrarán na noite do 23 ao 24 deste mes.

As persoas interesadas terán ata o venres 20 de xuño para presentar as súas peticións.

Segundo informou o goberno municipal, as solicitudes poderán tramitarse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello ou, no seu defecto, de xeito presencial no Rexistro Xeral.

No caso das celebracións de San Pedro, o prazo habilitarase posteriormente, do 23 ao 27 de xuño.

As autorizacións contemplarán tanto as grelladas en zonas interiores dos locais de hostalería, sempre que cumpran as medidas de seguridade necesarias, como as fogueiras en espazos privados e públicos.

Nos areais, permitiranse cacharelas nas praias de Sinás, Raxó, Laño, Ouriceira, O Padrón, Campelo (porto) e Lourido.

O Concello estableceu unha serie de normas de seguridade que deberán respectarse estritamente. Entre elas, destaca que o volume de combustible non poderá superar os 8 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.

As fogueiras deberán situarse a un mínimo de 12 metros dos edificios e árbores, mentres que para as grelladas a distancia mínima será de 4 metros.

Queda prohibida a instalación de asadores en zonas públicas, así como situar tanto grelladas como fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos ou preto de locais que almacenen produtos inflamables. Tampouco se permitirá a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou calquera substancia que desprenda fumes tóxicos.

As persoas solicitantes serán as responsables de cumprir todas as normas, incluída a limpeza total da zona utilizada, que deberá quedar completamente recollida e limpa o luns 24 de xuño antes das 10:00 horas. Ademais, recoméndase ter un punto de auga ou extintor próximos para actuar en caso de emerxencia.