Xa se poden comunicar as fogueiras de San Xoán, que terán unha altura máxima de 2 metros

Pontevedra
08 de xuño 2025

As persoas e entidades interesadas terán até o 17 de xuño. Estarán a un mínimo de 15 metros das edificacións e árbores e non poderán ser sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes

Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal
Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal / Mónica Patxot

Conta atrás para a celebración do San Xoán. A pouco máis de dúas semanas da festa, o Concello de Pontevedra mantén aberto o prazo para comunicar a celebración das fogueiras no municipio. 

As persoas e entidades interesadas terán até as 13.00 horas do 17 de xuño para presentar a súa comunicación.

Poderá presentarse electronicamente (sede.pontevedra.gal modelo 906) ou presencialmente no rexistro xeral do Concello ou na xefatura da Policía Local. Nestes dous últimos casos, será en horario de 09.00 a 13.00 horas.

No documento deberán figurar datos da persoa solicitante, situación exacta do predio, obriga de coñecer o teléfono do servizo de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, compromiso de ter un teléfono móbil en funcionamento e previa indicación do número na solicitude.

A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes da Policía Local ou do Corpo de Bombeiros.

O Concello tamén acaba de publicar un bando coas normas para a celebración das fogueiras na noite do 23 de xuño.

As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros ás edificacións e árbores.

O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.

Ademais, as persoas asistentes á fogueira non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior.

Os materiais que se poderán empregar son: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Queda prohibido calquera outro tipo de material, especialmente pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión importante.

Prohíbense as fogueiras baixo árbores, tendidos eléctricos, tendidos telefónicos, balcóns, terrazas ou marquesiñas.

Tamén se prohíbe a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.