Máis de 50 actividades culturais para converter maio no 'mes da lingua galega'

Pontevedra
02 de maio 2013

Maio é o 'mes da lingua'. O Concello de Pontevedra, en colaboración con case unha trintena de colectivos, programaron preto de 50 actividades culturais para conmemorar a celebración o próximo 17 de maio do Día das Letras Galegas. E todo nun ano moi especial, segundo Demetrio Gómez, porque se celebra tamén os 150 anos da edición de Cantares gallegos, a obra máis coñecida de Rosalía de Castro

Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística, na presentación de 'Maio, o mes da lingua'
Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística, na presentación de 'Maio, o mes da lingua' / PontevedraViva

Maio é o 'mes da lingua'. O Concello de Pontevedra, en colaboración con case unha trintena de colectivos, programaron preto de 50 actividades culturais para conmemorar a celebración o próximo 17 de maio do Día das Letras Galegas. E todo nun ano moi especial, segundo Demetrio Gómez, porque se celebra tamén os 150 anos da edición de Cantares gallegos, a obra máis coñecida de Rosalía de Castro.

"Para nós é moi importante traballar coa lingua", explicou o concelleiro de Normalización Lingüística, quen destacou que este ano se amplía esta programación. Aínda que formalmente arrincou este mércores co 'concurso dos maios', Demetrio Gómez recordou que o pasado 22 de abril celebrouse a primeira xornada do ciclo Rosalía e Nós. As actividades continuarán ata o 14 de xuño. E a este paso, di Demetrio Gómez, "vai durar o ano enteiro".

Entre todas as actividades que se programaron neste mes e medio, o edil nacionalista destacou a XVII edición da Mostra de Teatro Ben Veñas Maio, que volverá contar cun concurso musical, o ciclo de conferencias Rosalía e Nós, numerosos actos en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano o Día aás Letras Galegas, ou a Feira do Libro que se recupera en Pontevedra logo de nove anos.

Ademais, esta programación, chea de roteiros, intercambios lingüísticos, obras de teatro ou recitais poéticos, incluirá o día 18 de maio a Festa da Lingua, organizada pola Revira e a asociación En Pé, o concurso Atopa o Erro, que organiza o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, ou Gústame o Galego (16 de maio), un fotomatón popular con frases sobre a lingua galega.