Máis de 60 actividades animarán a Festa dos Libros na Praza da Ferrería

Pontevedra
22 de xuño 2017

Xa está todo listo para o comezo da primeira edición da Festa dos Libros de Pontevedra, un evento que xuntará durante toda a fin de semana a trece librarías da cidade na Praza da Ferrería

Presentación da Festa dos Libros de Pontevedra
Presentación da Festa dos Libros de Pontevedra / Mónica Patxot

Xa está todo listo para o comezo da primeira edición da Festa dos Libros de Pontevedra, un evento que xuntará durante toda a fin de semana a trece librarías da cidade na Praza da Ferrería. 

Este encontro entre escritores, libreiros e amantes da lectura será o venres 23 e o sábado 24 de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 23.30 horas e o domingo 25, de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.00 horas.

Na Festa dos Libros participarán Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Espazo Lector Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas, que ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras.

En total, haberá máis de sesenta actividades durante os tres días da feira.

A programación prevista para este venres 23 comezará ás 13.30 horas co relatorio De onde xorden as ideas?, a cargo de Manel Loureiro. Ás seis da tarde, Ana Cabaleiro, acompañada polo seu editor Francisco Castro, presentará o seu debut literario Sapos e sereas, e a continuación, Xosé Manuel Pereiro dará a coñecer a revista Luzes, que dirixe xunto a Manuel Rivas, e falará sobre a tensión sexual non resolta entre xornalismo e literatura.

A memoria histórica terá tamén presenza na Festa dos Libros. Deste xeito, desenvolverase ás 19.15 horas unha mesa na que participarán falando das súas obras e da memoria das vítimas do 36, Montse Fajardo con Un cesto de mazás, Luís Bará con Non deas a esquecemento e Susana Sánchez Aríns con Seique.

Manuel Jabois, unha das mellores plumas do xornalismo actual, tomará o relevo ás oito da tarde, presentando o seu libro Nos vemos en esta vida o en la otra, e ás 20.45 horas Pedro Feijoo conversará coa xornalista Susana Pedreira sobre a súa nova obra, Os fillos do lume.

Para os máis cativos da casa, ás 18.30 horas desenvolverase un obradoiro infantil de construción de divertidos marcapáxinas para sinalar onde deixamos a nosa lectura, a cargo de Risotadas.

Con respecto ás sinaturas de libros, ás 12.30 horas no Espazo Lector Nobel, José Balboa presentará o seu libro Uno de tantos, María Solar (As horas roubadas) estará ás 18.30 horas no posto de Cronopios, e Daniel Peón Targu (Inferno) e Alexander Vórtice (Atrofiadas as estrelas) firmarán conxuntamente en La Nube de Papel ás 19.00 horas.

Ás 19.30 horas, Francesco Iannelli, acompañado de Kiko Dasilva, asinarán exemplares de Así fue y así será... no Espazo Lector Nobel, ás 20.00 horas Carmen Quinteiro (Caleidoscopio) estará en D-Lectum e Buenaventura Aparicio (Segredos ao descuberto) na Libraría Paz, ás 20.30 horas os compoñentes de Migallas Teatro farán o propio no Espazo Lector Nobel con Canta connosco e ás 21.00 horas será a quenda de Eduardo Baamonde (De acuarelas por Pontevedra) na libraría Paz.

A música porá o broche de ouro a esta xornada inaugural que concluirá co concerto acústico de Furious Monkey House e coa sinatura do seu libro Corre, mono, corre. Será ás 21.00 horas.