Durante seis semanas a exposición 'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato' sobre a figura de Francesco Tonucci, o pedagogo italiano, congregou a máis de 7.800 persoas no Pazo da Cultura.
Por esta exposición, segundo os datos facilitados pola Deputación de Pontevedra, achegáronse 4.000 escolares a través de visitas concertadas con 57 centros educativos da provincia chegados desde 24 municipios diferentes. Dez destes centros están adheridos á rede de 'Cidades dos nenos e nenas', promovida polo propio Tonucci.
Medio milleiro de educadores percorreron os diferentes espazos creativos do autor italiano, ademais de grupos de estudantes de diferentes facultades vinculadas ao ensino.
As viñetas de Frato e os obradoiros de xogo e autonomía tamén resultaron moi atractivos para o público en xeral, que se achegou para ver os 1.500 metros cuadradados que ocupaba a mostra nas instalacións do Pazo da Cultura.
Ademais desta actividade, máis de 700 escolares de distintos puntos da provincia tamén participaron nos 'roteiros Tonucci', realizados pola compañía pontevedresa Migallas Teatro.