"Malencolía" de Alfonso Zarauza xa se pode ver nos cines de Pontevedra

Pontevedra
26 de marzo 2022

Melania Cruz e o pontevedrés Xúlio Abonjo son os protagonistas de Malencolía, a sexta longametraxe do director galego Alfonso Zarauza que, desde este venres, xa se pode ver nos cines de Vialia, en Pontevedra, e noutras dezaseis localidades de todo o país

Melania Cruz e Xúlio Abonjo en "Malencolía"
Melania Cruz e Xúlio Abonjo en "Malencolía" / Maruxiña Film Company

Melania Cruz e o pontevedrés Xúlio Abonjo son os protagonistas de Malencolía, a sexta longametraxe do director galego Alfonso Zarauza que, desde este venres, xa se pode ver nos cines de Vialia, en Pontevedra, e noutras dezaseis localidades de todo o país.

A película mestura o cinema de terror, a comedia e o desacougo vital para contar a historia dunha parella que regresa ao rural galego tras vivir varios anos en Berlín. 

Rodado integramente en galego, en diversas localizacións dos concellos ourensáns de Boborás, O Irixo e O Carballiño, o filme é a primeira incursión de Zarauza no xénero de terror.

Así, o filme busca dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo, engadir elementos do estilo americano de asasinos en serie e gore, sen deixar de lado unha boa dose de humor. 

Os dous actores principais interpretan a Sira e Pepe, unha parella que comeza unha nova vida nunha aldea abandonada de Ourense logo de botar moitos anos emigrados en Berlín.

Chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina, que interpreta Iolanda Muiños.

Completan o reparto Diego Anido, Marta Lado, Xosé Antonio Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic.

A banda sonora, composta por Xavi Bértolo, inclúe dous temas da banda Chicharrón e unha versión de Teño Saudade de Andrés Do Barro a cargo de Roberto Cacabelos e Raquel Vilas.