Man tendida do presidente da Deputación para evitar que esta edición do Surfing the Lérez sexa a derradeira

Pontevedra
12 de xuño 2026

Luis López lamentou o anuncio realizado por Marcos Rivas, promotor deste festival gratuíto, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra, e avoga por buscar alternativas de colaboración

Surfing the Lérez 2025
Surfing the Lérez 2025 / Cristina Saiz

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, anunciou este venres que buscará vías de entendemento coa organización do Surfing the Lérez para tentar garantir o futuro deste evento musical gratuíto.

O presidente provincial manifestou a súa intención de convocar os promotores a unha reunión co obxectivo de analizar se a decisión de poñer fin ao festival é reversible.

Esta reacción prodúcese despois de que o promotor do evento, Marcos Rivas, anunciase que a edición que se celebra este venres e este sábado na Illa do Covo será a derradeira debido á insuficiencia de apoios económicos por parte da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

Despois de quince edicións, o festival gratuíto comunicou a finalización da súa actividade por falta de apoio destas administracións.

O mandatario provincial explicou o funcionamento das liñas de financiamento de que dispón a institución para o sector musical. Segundo expuxo López, todos os festivais teñen a posibilidade de concorrer ás convocatorias públicas de subvencións da Deputación.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Xunto a estas axudas xerais, a administración conta coa marca institucional Rías Baixas Fest, un programa de patrocinio específico que engloba a diferentes citas musicais da provincia.

O dirixente recoñeceu que este plan esixe o cumprimento dunha serie de requisitos específicos, entre os que se inclúe a obrigatoriedade de cobrar entrada ao público, unha condición que choca co carácter gratuíto que mantén o Surfing the Lérez.

O presidente da Deputación amosou o seu pesar pola situación do festival e sinalou que comprende a postura dos organizadores ao considerar que calquera achega económica resulta escasa para xestionar este tipo de iniciativas.

López manifestou a súa vontade de esgotar as opcións institucionais para tratar de manter a actividade do evento que reúne a milleiros de persoas.

"Eu son festivaleiro", afirmou para indicar que "polo noso gran de area que non sexa", agardando que se poida atopar unha solución que permita máis edicións deste festival na contorna do Lérez.