O Manuel Carrasco máis 'salvaxe', o 9 de agosto en Sanxenxo co seu único concerto en Galicia

Pontevedra
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:59

Únese así a Leiva (2 de agosto), que até agora era o único artista confirmado no marco da terceira edición do festival Costa Feira, que se celebrará este verán en Sanxenxo

Manuel Carrasco
Manuel Carrasco / Riff Producciones

Manuel Carrasco, un dos artistas máis recoñecidos da música española, ofrecerá en Sanxenxo o único concerto que dará en Galicia dentro da súa nova xira. Será o sábado 9 de agosto, no marco da terceira edición do festival Costa Feira.

Únese así a Leiva (2 de agosto), que até agora era o único artista confirmado.

Esta nova xira o cantante onubense, coñecida como Tour Salvaje, será a máis importante nas máis de dúas décadas de carreira, segundo avanza a promotora.

Estará protagonizada "pola música que vén", un novo concepto no que o artista leva meses traballando e que verá a luz a próxima primavera.

Á vez que terminaba de darlle forma ao seu novo disco, Manuel Carrasco foi creando un novo formato de espectáculo en directo que virará por España durante máis de seis meses.

Deste novo traballo discográfico, Carrasco publicou xa un primeiro avance, a canción Pueblo salvaje, que lidera todas as listas de éxitos en España desde o seu lanzamento.

Desde que publicara o seu primeiro disco en 2003, pouco despois de saír do concurso Operación Triunfo, Manuel Carrasco converteuse nun grande da música en español tanto como cantante como compositor, apoiado desde o principio pola crítica e o público.

Editou até a data nove discos: Quiéreme (2003), Manuel Carrasco (2004), Tercera parada (2006), Inercia (2008), Habla (2012), Confieso que he sentido (2013), Bailar el viento (2015), La cruz del mapa (2018) e Corazón y flecha (2022), todos eles grandes éxitos de vendas.

As entradas para o seu concerto en Sanxenxo xa están á venda.