'Mar de fóra', o documental con orixe en Pontevedra sobre as mulleres migrantes na ruta canaria

Pontevedra
05 de febreiro 2025

Estréase este xoves 6 de febreiro na Casa das Campás. O documental trata de debullar a realidade migratoria feminina a través das protagonistas e de persoas que traballan con elas

Escena do documental "Mar de fóra"
Escena do documental "Mar de fóra" / Agareso

En xullo do pasado ano tres estudantes universitarios, Ángel Cea, Érika Martínez e Miriam Rodríguez viaxaron a Gran Canaria. Fixérono para gravar unha curta documental sobre a realidade da migración feminina que pasa pola coñecida como ruta canaria.

Foi o colofón a todo o aprendido no curso de especialización en comunicación para o cambio social que a ONG Agareso impartiu na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra.

O resultado dese traballo, Mar de fóra, poderá verse por primeira vez este xoves 6 de febreiro, ás oito da tarde, na Casa das Campás.

O documental trata de debullar a realidade migratoria feminina a través de voces protagonistas e de persoas que traballan directamente con elas na súa chegada á sociedade canaria.

"Cada vez son máis as mulleres que deciden abandonar os seus países de orixe, fuxindo da violencia e as vulneracións de dereitos e embarcarse na ruta canaria, unha das máis perigosas do mundo", salientan desde Agareso.

Escena do documental "Mar de fóra"
Escena do documental "Mar de fóra"Agareso

Por mor do xénero, as mulleres sofren un dobre drama migratorio. Están expostas a violacións, situacións de maltrato e incluso escravitude, e cando chegan á sociedade española enfróntanse tamén a prexuízos que as fan máis sentirse aínda máis vulnerables.

Darlle voz a estas mulleres e contar as historias que, a cotío, se perden entre as de milleiros de homes é o obxectivo desta peza, na que os tres estudantes contaron coa colaboración de dous membros da ONG, Antonio Grunfeld e Javier Ramos, e do equipo humano de diversas entidades en terreo.

Esta realidade non é baladí. Canarias bateu en 2024, por segundo ano consecutivo, o récord en chegadas de persoas migrantes. Os portos do arquipélago recibiron o ano pasado a case 47.000 persoas migrantes, segundo datos do Ministerio de Interior.

Escena do documental "Mar de fóra"
Escena do documental "Mar de fóra"Agareso