Xa hai veredicto do público do ciclo Domingos do Principal. Os espectadores que gozaron este ano con esta proposta de teatro familiar tiveron as cousas moi claras. A obra mellor valorada foi La gran A ventura, do clown catalán Marcel Gross. Foi a que logrou un maior apoio tanto entre os maiores de trece anos -cun 9,88 de valoración- como entre os menores desa idade, que a puntuaron cunha media de 9,61 puntos.
Esta montaxe teatral coa que Marcel Gross celebraba os seus trinta anos enriba dos escenarios recibiu grandes eloxios dun público pontevedrés que volveu converter a Domingos do Principal nunha das ofertas culturais máis exitosas da cidade.
Este festival de teatro familiar, promovido polo Concello de Pontevedra e coordinado por Teatro Akatro, alcanzou un total de 4.846 espectadores nas catorce funcións que se representaron este ano, dúas por cada unha das sete obras que formaban a programación.
As puntuacións do público tiveron unha grande acollida entre os espectadores que se achegaron domingo tras domingo ao teatro, facendo así o ciclo máis dinámico debido á súa participación e fomentando o espírito crítico nos máis pequenos. Ademais, todos os que puntuaron as obras puideron deixar por escrito as súas opinións sobre as respectivas montaxes.
Ademais do espectáculo de Marcel Gross, o público pontevedrés valorou moi positivamente o resto das obras deste ciclo. Con todo, outras dúas propostas sobresaíron por riba do resto.
La vuelta al mundo da compañía vasca Teatro Gorakada foi a segunda máis votada entre os menores de trece anos cun 9,51 de valoración e a terceira entre os maiores, alcanzando 9,37 puntos de media. As tornas cambian coa adaptación de Pulgarcito de Teatro Paraiso. Foi a segunda mellor valorada entre os espectadores de máis idade, con 9,47 puntos; e a terceira entre as preferencias dos menores de trece anos, cos que logrou unha media de 9.48 puntos.
BALANCE POSITIVO
Con todos estes datos, a organización de Domingos do Principal entende que o seu balance "non pode ser máis positivo" para un ciclo de teatro familiar como este que xa é un referente non só pola calidade e a variedade dos espectáculos, senón polo éxito de público". Aseguran que tantos anos de programación de teatro familiar de calidade deron para ter un público fiel, esixente e ao mesmo tempo educado teatralmente".