Marcón, Sagrado Corazón de Praceres e Luis Seoane, gañadores dos premios Ernestina Otero

Pontevedra
12 de marzo 2025

O CEIP de Marcón e o CPR Sagrado Corazón de Praceres acadan o primeiro premio ex aequo na categoría de educación infantil e primaria e o IES Luis Seoane é o gañador na de educación secundaria

Entrega dos premios Ernestina Otero Premios 2024 Concello de Pontevedra

O CEIP de Marcón, o CPR Sagrado Corazón de Praceres e o IES Luis Seoane foron os gañadores dos VI Premios Ernestina Otero Sestelo da edición 2024, que se entregaron este mércores

O Teatro Principal acolleu o acto de revelación e entrega dos premios, que promove o Concello de Pontevedra para poñer en valor proxectos innovadores e relevantes na incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos non universitarios de Pontevedra. 

Estes premios e a cita deste mércores foron, en palabras da concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, unha celebración do "compromiso coa igualdade de xénero no ensino".

O alumnado, como verdadeiro protagonista, recolleu os premios, que o xurado entregou por unanimidade.

Na categoría de infantil e primaria, o primeiro premio recaeu ex aequo no CEIP de Marcón polo proxecto 'Microcurtas pola igualdade e a non violencia' e no CPR Sagrado Corazón de Praceres polo proxecto 'A perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades nos ambientes e nas estacións de aprendizaxe'.

No proxecto do colexio de Marcón, o xurado tivo en conta "a alta colaboración coa ANPA e a difusión do proxecto na parroquia e a posta en valor da riqueza da lingua oral con perspectiva de xénero na comunicación". 

No proxecto de Praceres, destacou "a aplicación dunha metodoloxía innovadora, a transversalidade no proxecto e a perspectiva de mantemento no tempo".

O segundo premio recaeu no CEIP San Martiño de Salcedo polos seus proxectos 'Aladina' e 'Radio en feminino'.

Entrega dos premios Ernestina Otero Premios 2024Concello de Pontevedra

Na categoría de secundaria, o primeiro premio foi para o IES Luis Seoane polo proxecto 'A igualdade a través da Radio Seoane no Aire', do que o xurado destaca "a realización de actividades de impacto no centro educativo ao longo de todo o curso e a integración plena da perspectiva feminista na transversalidade do proxecto educativo do centro".

O segundo premio foi ex aequo para o IES Torrente Ballester polo proxecto 'Educando en Igualdade' e para o IES Valle Inclán por 'Recollendo o relevo'.

A responsable de Igualdade enmarca estes premios no obxectivo prioritario do Concello de promover a igualdade entre homes e mulleres, no que unha "peza crave" é o compromiso da comunidade educativa.

Así, destacou a concelleira que resulta "fundamental" traballar a perspectiva de xénero coa poboación máis nova.

Os galardóns tamén son, dixo, unha homenaxe á figura de Ernestina Otero Sestelo, "unha mestra que traballou incansablemente por mellorar a calidade do ensino e, sobre todo, por estendelo a toda a poboación, moi especialmente ás nenas".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora