Os traballos de acondicionamento do acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo están na súa recta final coa execución da pavimentación do viario.
Esta intervención contempla a mellora dunha pista de 700 metros de lonxitude, que abarca unha superficie total de 5.660 metros cadrados, realizada sobre uns terreos cedidos de forma gratuíta e indefinida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo
A actuación foi supervisada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira do Rural, María José Abilleira, que destacaron a relevancia deste proxecto, vinculado á recente construción do campo de fútbol, finalizada en 2025 cun investimento próximo aos dous millóns de euros.
"Estamos visitando os accesos ao campo de fútbol de Salcedo, unha pista de 700 metros de longo á que só lle falta un tramo pequeno por asfaltar no inicio vindo de Salcedo", explicou o rexedor.

Fernández Lores subliñou así mesmo que a actuación dota á parroquia "dun acceso digno" e agradeceu a cesión dos terreos por parte da Comunidade de Montes, nunha zona que anteriormente albergaba o campo de tiro da Brilat.
Estas obras enmárcanse no macrocontrato municipal de rehabilitación de firmes, un plan estratéxico que mobiliza máis de 4,4 millóns de euros para actuar en preto de 40 quilómetros de estradas en todo o termo municipal.
No ámbito rural, os traballos están incluídos nun lote adxudicado á empresa COVSA por importe de 1,12 millóns de euros, que contempla 46 actuacións de pavimentación nas 15 parroquias, ademais da renovación da sinalización e a instalación de novos reductores de velocidade.
O campo de fútbol de Salcedo aséntase sobre unha superficie total de 37.537 metros cadrados, tamén cedidos pola Comunidade de Montes. A instalación conta cun terreo de xogo de herba artificial con medidas homologadas pola FIFA (100x58 metros), así como vestiarios, enfermaría, cantina, aseos públicos, almacéns e un espazo para bicicletas.
A instalación complétase cunha área de aparcadoiro, unha aula da natureza, parque infantil, zonas de estancia e un acceso peonil á área recreativa onde se sitúan cabanas de madeira que recrean as vivendas dos antigos poboadores dos castros de Salcedo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.