María Carrera estrea en El Pequeño a súa obra de microteatro 'Valiente'

Pontevedra
09 de agosto 2019

Tras concluír un ciclo de actuacións na capital española, a actriz pontevedresa estrea este venres 9 de agosto, na súa cidade, o seu primeiro traballo como guionista, directora e intérprete

A actriz María Carrera estrea 'Valiente' en Pontevedra
A actriz María Carrera estrea 'Valiente' en Pontevedra / PontevedraViva

As xestións da actriz pontevedresa María Carrera para ofrecer na súa cidade 'Valiente' deron o seu primeiro resultado. A estrea desta obra de microteatro ten día, lugar e hora. Será este venres 9 de agosto, ás 22.45 horas en El Pequeño da rúa Charino.

 'Valiente' é o primeiro traballo que está escrito, dirixido e interpretado pola actriz. Relata durante vinte minutos e mesturando drama e comedia, unha recente experiencia persoal. Unha historia "sobre a loita por vencer, por seguir amando e por ser valente".  Isto é, a súa relación cun mozo, que se converteu na súa parella e que falecía hai uns meses como consecuencia dun cancro. 

Estivo a representar 'Valente' durante o mes de xullo na sala madrileña La Escalera de Jacob e como ben ten comentado a autora "non deixa indiferente a ninguén". Coa escritura desta obra e a súa posterior representación, María Carrera cumpre unha promesa que lle arrincou Santiago, o  coprotagonista do texto. Un proceso que igualmente foi unha terapia para a artista pontevedresa.