Marlon reforza o cartel do festival Son do Mar en Meaño

O Salnés
09 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:41

Os asturianos, unha das bandas de pop-rock do momento, compartirán escenario con Luís Fercán o 23 de xullo. Xunto a eles, avanzan os organizadores, estarán dous artistas máis aínda por confirmar

Marlon
Marlon / Get In

O festival Son do Mar, que tras edicións anteriores no Grove e Cambados mudouse este 2026 a Meaño, segue reforzando o seu cartel de artistas.

A organización confirmou este venres que a banda asturiana Marlon actuará no festival o 23 de xullo. Será na xornada dedicada ao pop-rock e á música 'indie'.

Marlon, un grupo con influencias do mellor pop británico, é coñecido polas súas letras emotivas e os seus potentes directos.

O seu primeiro éxito foi o single Volveré, que se converteu nun gran éxito en España e os catapultou ao máis alto. A partir de aí, todo foron grandes noticias para eles.

Entre as súas cancións máis soadas están temas como Olvidé olvidarte, coa colaboración de Álvaro de Luna; De perreo, con máis de 40 millóns de escoitas en Spotify; Tequila y candela ou 96.

Os asturianos, unha das bandas de pop-rock do momento, compartirán escenario co cantautor santiagués Luís Fercán.

Xunto a eles, avanzan os organizadores, estarán dous artistas máis aínda por confirmar e que están "entre os máis grandes e mediáticos" do panorama musical.

O festival Son do Mar, ademais destes dous concertos, acollerá ademais unha nova edición do Sachaso Rock, o 25 de xullo, que estará encabezado pola mítica banda sueca Europe e o dúo galego Bala.

Na vertente urbana, o 24 de xullo, estará 9Louro, o nome artístico de Martín Louro, unha das novas sensacións do panorama musical urbano en Galicia; e a catalá Lia Kali, cuxa música combina xéneros como o soul, o reggae e o rap.