Marta Pazos inaugura a instalación 'Matria' na Cuadrienal de Praga

Pontevedra
09 de xuño 2023

A artista pontevedresa participa coa súa nova creación na exhibición internacional de escenografía e arquitectura teatral máis significativa do sector

Marta Pazos na instalación Matria
Marta Pazos na instalación Matria / Marta Pazos

A artista visual, escenógrafa, directora de escena de teatro e ópera pontevedresa Marta Pazos deu a coñecer este xoves, na 15ª Cuadrienal de Praga, a súa nova creación, a instalación Matria. 

A proposta, seleccionada polo Pavillón Internacional da que se considera a exhibición internacional de escenografía e arquitectura teatral máis grande e significativa do seu xénero en todo o mundo, poderase visitar ata o 18 de xuño na Galería Nacional de Praga. 

Matria é unha instalación plástica inmersiva en cor amarela flúor, coa que Pazos continúa a súa investigación sobre a cor, que fala da conexión entre diferentes dimensións e na que o público ha de introducirse para descubrir unha vulva de tres metros e medio de altura realizada con materiais do universo íntimo feminino. 

A sonoplastia da peza, creada polo músico Hugo Torres, flúe entre o son acuoso e os tambores que lembran ao latexado do corazón e do centro da Terra. 

Matria foi creada nos talleres da AGADIC en Santiago de Compostela, coa colaboración do Centro Dramático Galego.

Ademais de asistir á inauguración de Matria, nesta xornada Marta Pazos participan unha mesa redonda titulada Tradición e folclore na creación de espazos xunto ás escenógrafas Montse Amenós, Elisa Sanz e Maral Kekejian.