A vixésimo terceira edición do Memorial Ricardo Portela será a edición da volta á normalidade. Tras dous anos de pandemia, volve ás Festas de Verán de Pontevedra e farao homenaxeando ao matrimonio formado por Maruxa Miguéns e Xosé Romero.
A Praza da Ferrería volverá ser o escenario elixido para as actividades en torno deste memorial, que se celebrará entre os días 15 e 17 de xullo e que incluirá unha nova edición, a número 20, da Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais.
Esta mostra estará aberta ao público os tres días de 17:00 a 21:30 horas e o sábado e o domingo tamén en horario matinal, de 11:30 a 14:00 horas.
O venres 15 de xullo as actividades incluirán un pasarrúas co Dúo Alvariño, os Gaiteiros das Rías Baixas, Millarancos e Par de Par polas rúas e prazas da cidade, desde as 17:30 horas, e un concerto de Volta e Dálle (21:00 horas).
Ao día seguinte, os pasarrúas serán con Boas Pécoras, Cuarteto da AC Abertal, Os Enxebres de Cacheiras e Os Erdeiros dos Morenos de Lavadores, ás 11:30 e ás 18:00 horas, e o concerto das 21:15 horas correrá a cargo de Carapaus.
Entre ambos, ás nove da noite, será a homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero, o matrimonio de Rianxo que impulsaron hai sete décadas uno dos grupos de música tradicional máis emblemáticos de Galicia: Os Rosales.
O memorial concluirá o domingo 17 co pasacalles matinal e vespertino de Baila Malditos, Cantigas e Frores, Meiró e Turoqva e o concerto de Caaamaño & Ameixeiras (21:00 horas).