Matías Piñeiro preside no Principal a inauguración da Edición 02 de Novos Cinemas

Pontevedra
27 de xuño 2017

Coa proxección de Hermia & Helena, a última película do cineasta arxentino Matías Piñeiro, deu comezo este martes a Edición 02 do festival Novos Cinemas, que se celebra en Pontevedra ata o vindeiro domingo

Inauguración da edición 02 do festival Novos Cinemas
Inauguración da edición 02 do festival Novos Cinemas / Mónica Patxot

Coa proxección de Hermia & Helena, a última película do cineasta arxentino Matías Piñeiro, deu comezo este martes a Edición 02 do festival Novos Cinemas, que se celebra en Pontevedra ata o vindeiro domingo.

O festival atraeu o interese dos pontevedreses, que encheron o patio de butacas do Teatro Principal para asistir á primeira proxección de Novos Cinemas, que foi introducida polo propio Matías Piñeiro, presente en Pontevedra para impartir un seminario e acompañar a emisión das súas películas, protagonistas do ciclo Retrospectiva.

Antes da sesión inaugural, o público puido ver as pezas audiovisuais creadas pola decena de estudantes do campus de Pontevedra que participaron no obradoiro Correntes, impartido nos últimos meses polo director galego Oliver Laxe.

A sección oficial de Novos Cinemas, na que competirán nove películas durante os próximos días, comezará este mércores 29 de xuño.

Será coa película Porto, unha coprodución entre Portugal, Francia, Estados Unidos e Polonia, dirixida por Gabe Klinger (19.00 horas, Teatro Principal); e con Estiu 1993 (Verán 1993), da española Carla Simón, que se proxectará ás 22.00 horas, e que contará coa presenza da propia directora. 

Tamén dará comezo a sección Latexos coa proxección da película arxentina Borrá todo lo que dije del amor pues no sabía bien quién era, de Guillermina Pico. Poderase ver ás 12.00 horas no auditorio do Sexto Edificio do Museo e incluirá un encontro coa directora.

A xornada complétase coa proxección, ás 17.00 horas no Teatro Principal, da película El hombre robado, de Matías Piñeiro na sección Retrospectiva.