A película Matria, oito meses despois da súa estrea en salas, segue acaparando recoñecementos. O filme, producido pola compañía pontevedresa Matriuska Producciones, acaparou dúas candidaturas aos Premios Goya 2024.
Así o anunciaron este xoves os actores Luis Tosar e Anna Castillo, os encargados de desvelar as candidaturas aos premios máis prestixiosos do sector cinematográfico español.
Unha destas candidaturas, a da actriz María Vázquez, dábase por seguro. O seu papel como Ramona en Matria xa lle reportara grandes éxitos, entre eles o premio á mellor actriz no Festival de Málaga ou a candidatura aos Premios Feroz, ademais de excelentes críticas.
Vázquez será unha das cinco candidatas ao Goya á mellor actriz, categoría que compartirá con Patricia López Arnaiz (20.000 especies de abejas), Malena Alterio (Que nadie duerma), Carolina Yuste (Saben aquell) e Laia Costa (Un amor).
A segunda candidatura para Matria é a do seu director Álvaro Gago, que optará ao Goya ao mellor director novel coa que é a súa primeira longametraxe.
No seu caso, competirá con Estibaliz Urresola Solaguren (20.000 especies de abejas), Itsaso Arana (Las chicas están bien), Alejandro Marín (Te estoy amando locamente) e Alejandro Rojas e Juan Sebastián Vásquez (Upon Entry).
O audiovisual galego tamén estará representado nos Goya 2024 con Janet Novas, a actriz protagonista de O Corno, que será candidata ao premio á mellor actriz revelación.
Xunto a ela optarán a este recoñecemento Xinyi Ye e Yeju Ji (Chinas), Clàudia Malagelada (Creatura) e Sara Becker (La contadora de películas).
Os Premios Goya 2024 entregaranse o próximo 10 de febreiro nunha gala que se celebrará en Valladolid.