A produtora pontevedresa Matriuska Producciones xa está a rodar a que será a súa próxima película. Trátase de O pesadelo ds vacas, a ópera prima de Rafa de los Arcos.
A rodaxe, que arrancou en diferentes localizacións de Silleda e Lalín, desenvolverase durante varias semanas pola provincia de Pontevedra.
O pesadelo das vacas é unha película que ofrece unha mirada con perspectiva de xénero sobre a sociedade no ámbito rural, reflexionando sobre a violencia e as pegadas que deixa nunha familia.
María Vázquez, que xa traballou con Matriuska Producciones en Matria, protagoniza este filme, xunto co actor Diego Anido (As bestas, Rapa ou La infiltrada).
O elenco principal desta película conta ademais con Antía Vidal, Alberto Rodríguez Cunha 'Tatán' (Matria, San Simón) e Berta Ojea (Rapa, Mortadelo y Filemón).
O filme, segundo os seus responsables, pon o foco nas outras vítimas da violencia de xénero, as familias dos que teñen que enfrontarse aos terribles actos dos seus seres queridos e que, tras o sucedido, teñen que xestionar emocionalmente ese trauma.
En concreto, explicou De los Arcos, María Vázquez dá vida a unha muller "que ten que aprender aos poucos a colocar ás súas figuras familiares", neste caso a dun pai, "nunha contorna dunha familia desestructurada".
Faino mediante un estilo enigmático que busca provocar nos espectador momentos de turbación e suspense, convertendo a paisaxe do interior da provincia pontevedresa un elemento que potencia o ton e a atmosfera da película.
Rafa de los Arcos é un coñecido director e guionista que, entre outros traballos, asinou numerosos videoclips, campañas de publicidade e curtametraxes como Everest ou Todo el mundo se parece de lejos.
Dirixiu tamén varios programas de Salvados e diversos documentais de éxito, entre eles, El equipo de mi barrio, Megamix Brutal o ¿Yo fui mujer florero?.
Para rodar O pesadelo das vacas conta, entre outros, co apoio da Televisión de Galicia, da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ou do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), adscrito ao Ministerio de Cultura.