Tras a súa recente estrea no Festival de San Sebastián, en apenas tres semanas, concretamente o próximo 24 de outubro, chegará ás salas de cine unha das últimas películas que se rodou na cidade de Pontevedra. Trátase de San Simón.
A película de Miguel Ángel Delgado narra a historia deste campo de concentración que se fundou nesta pequena illa galega e polo que pasaron seis mil persoas de toda España durante o sete anos que estivo en funcionamento.
A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos pechados.
Pero San Simón destaca polo seu insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Un proxecto que buscaba, literalmente, encerrar un pobo nunha illa.
Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.

Nunha recente entrevista con EFE, Miguel Ángel Delgado aseguraba que esta película busca, dalgunha maneira, cubrir o "baleiro de imaxe" sobre campos de concentración franquistas, porque "salvo algunha serie, poucas películas, por non dicir ningunha, abordaran este tema".
Así, cre que o cine "se centrou moito na Guerra Civil e o conflito bélico", o que supuxo que queden "opacadas" outras realidades.
A película mestura actores profesionais e por intérpretes sen experiencia previa. Entre eles están Flako Estévez, Alexandro Bouzó, Guillermo Queiro, Ana Fontenla, María del Carmen Jorge, Manuel F. Landeiro, Lucía Amarelle, Javier Varela, Tatán, Darío Fernández ou Andrés Giráldez.
Ademais, entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos propios presos de San Simón, entre eles o seu protagonista, o actor Flako Estévez.
El dá vida a Lamas, o preso que estivo máis anos na colonia e que é o "depositario" das voces de todos os que entraron e saíron da illa, dando forma a unha "memoria fragmentada" que converte a esta película, conta o seu director, nunha "historia colectiva".
San Simón rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar estes acontecementos: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa ou os areais que a rodean, entre outros espazos.
Para filmar os interiores, a produción de película tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa, entre elas o convento de Santa Clara en Pontevedra ou a ETEA de Vigo.

San Simón comezou a fraguarse hai varios anos, cando Delgado realizaba un proxecto artístico sobre illas cárcere e coñeceu a historia de San Simón. Asegura que quedou "impresionado" da profundidade do castigo e a represión que tivo lugar nese enclave.
A partir de aí comezou un arduo proceso de investigación para elaborar o guion, no que se documentou a través de distintos materiais como documentos, cartas, bibliografía variada e a axuda de expertos na materia, ademais de testemuños de familiares de prisioneiros.
"A historia deste campo non supón unicamente unha crónica negra, tamén nos obriga a preguntarnos sobre a vixencia de conceptos como a democracia, a dignidade, a liberdade ou os dereitos humanos", sentenza o director manchego.