Os mellores gaiteiros e gaiteiras de Galicia daranse cita este domingo en 'O Son da Gaita' en Poio

Poio
22 de outubro 2025
Actualizado: 18:50

A xornada desenvolverase no Pazo Besada a partir das 10.30 horas do domingo 26 de outubro e estrutúrase en catro bloques que combinan actuacións, presentacións e encontros

Presentación de 'O Son da gaita' en Poio
Presentación de 'O Son da gaita' en Poio / Concello de Poio

O Pazo Besada de Poio volverá ser este domingo 26 de outubro, a partir das 10.30 horas, capitan da gaita, coa presenza dalgún dos mellores gaiteiros de Galicia. 

Será coa sexta edición de 'O Son da Gaita', prevista a partir das 10:30 horas

Desde o Concello destacan que é unha das citas máis destacadas para os amantes da gaita galega e da música tradicional.

Reunirá gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas, que achegarán os seus diferentes estilos e linguaxes interpretativas, creando un espazo destinado á posta en valor da gaita galega, dos seus intérpretes e da nosa música tradicional.

A programación estrutúrase en catro bloques que combinan actuacións, presentacións e encontros.

A xornada abrirase coas actuacións dos grupos Noitarega, de Vigo; Gaiteiros das Rías Baixas, de Pontevedra; e Gaiteiros de Eidos, da Coruña.

Dentro do apartado dedicado ás publicacións, presentaranse a colección Chave Mestra da Central Folque, a cargo de Ramom Pinheiro, e o Método de Tambor Galego de Andrés Vilán.

No espazo reservado aos artesáns intervirán Álvaro Seivane, do Obradoiro de Gaitas Seivane, e Xoán Manuel Tubío, de Xaneco Obradoiro de Instrumentos Tradicionais.

Despois dun breve descanso, será a quenda dos solistas, entre os que destacan Suso Vaamonde, da Coruña; Brais Monxardín, da Fonsagrada; Isidro Vidal, do Carballiño; Nadia Vázquez, da Guarda; e Anxo Pintos, de Vigo.

A xornada rematará cun xantar-foliada no restaurante Casa Laura, en Campelo, a partir das 15.00 horas, no que, ademais de desfrutar da gastronomía galega, os asistentes poderán gozar da actuación de Pelica de Can e da interpretación libre dos artistas e participantes presentes.

A capacidade é limitada, polo que se recomenda que as persoas interesadas reserven praza enviando un correo electrónico a [email protected] ou no teléfono 626 825 442.

Organizado pola Asociación Cultural Pai da Cana, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra mediante o programa Culturea, e do Concello de Poio.