"Mírame" de Queco Lago, nominado ao mellor videoclip no Festival de Cans

Pontevedra
05 de maio 2022

O músico pontevedrés Queco Lago está de parabén. O videoclip da súa canción "Mírame", que foi o primeiro single do seu primeiro EP profesional, é un dos finalistas ao premio ao mellor videoclip na XIX edición do Festival de Cans

Queco Lago, no videoclip da canción "Mírame"
Queco Lago, no videoclip da canción "Mírame" / PontevedraViva

O músico pontevedrés Queco Lago está de parabén. O videoclip da súa canción "Mírame", que foi o primeiro single do seu primeiro EP profesional, é un dos finalistas ao premio ao mellor videoclip na XIX edición do Festival de Cans.

Dirixido por Carlos Calvar e protagonizado por Sara Docampo e Rebeca Filgueira, o videoclip adentra ao espectador nun imaxinario de recordos e emocións, facendo un repaso idealizado pola memoria dunha historia de amor.

Ao longo do case cinco minutos que dura, a historia describe situacións idílicas a través de escenas gravadas, entre outras localizacións, na praia de Lapamán ou o Pazo de Lourizán.

O xurado do Festival de Cans desvelará o nome do gañador nunha gala que se celebrará o vindeiro venres 20 de maio, no marco dun evento que volverá converter a esta pequena aldea do Porriño na capital do audiovisual galego.