Mondra segue enrachado nesta intensa xira galega Folía das Ardentes 2024. Entusiasmou este primeiro de agosto ao público congregado en Cambados no penúltimo concerto do ciclo 'Os xoves de Códax'.
"Unha actuación única e auténtica" ou "unha xornada chea de espontaneidade e creatividade" son algúns dos cualificativos que recibe o seu paso por este lugar.
Mondra é o nome artístico do teense Martín Mondragón. Os seus primeiros contactos coa música foron a través do folk galego, logo formouse en piano, teatro, interpretación e comunicación audiovisual.
En 2023 publicou o seu primeiro traballo 'Ardén' no que evidencia a súa capacidade innovadora para axuntar a música tradicional cos sons urbanos e a electrónica e tamén levar ao directo unha performance moi persoal.
Dentro do intenso periplo polos escenarios, esta mesma fin de semana, 3 de agosto, actuará no Festival Sonrías Baixas de Bueu e tamén forma parte dos concertos que se poderán gozar nas Festas da Peregrina, o próximo 16 de agosto.
Volvendo a 'Os xoves de Códax', nesta ocasión a recadación - que sempre ten carácter benéfico e que destina a entidades solidarias de Galicia -, irá á Cociña Económica de Santiago que dá todos os días do ano, almorzos, comidas e ceas a persoas sen recursos; ofrece servizo de duchas para persoas que o precisan e igualmente conta con centro de día onde imparten un programa de apoio persoal e formación.
O último dos concertos do ciclo deste 2024, o vindeiro xoves 8 de agosto, correrá a cargo da recoñecida artista galega, A Pedreira.