Mondra, Nuno (Grande Amore) e Teresa Tresandí, 'conversa' musical de altura no mercado

Pontevedra
17 de decembro 2025

A música será a protagonista da nova cita do ciclo Conversas no primeiro andar, que terá lugar este xoves 18 de decembro, a partir das 20:00 horas, no mercado de abastos

Teresa Tresandí, Nuno Pico (Grande Amore) e Mondra
Teresa Tresandí, Nuno Pico (Grande Amore) e Mondra / PontevedraViva

Volven as Conversas no primeiro andar, o ciclo de faladoiros que se celebra no espazo gastronómico do mercado de abastos.

A música será a protagonista desta nova cita, que terá lugar este xoves 18 de decembro, a partir das 20:00 horas.

Dous dos artistas da coñecida como nova música galega, Nuno Pico, líder de Grande Amore; e Mondra, compartirán as súas experiencias co público.

Xunto a eles, esta conversa contará coa pontevedresa Teresa Tresandí, técnica de iluminación que vén de gañar o Premio da Industria Musical de Galicia na categoría de mellor deseño de iluminación polo seu traballo con Tanxugueiras.

O faladoiro estará conducido por Alejandro Espiño, xornalista de PontevedraViva.

Nesta nova entrega destas Conversas no primeiro andar, os tres protagonistas falarán, entre outros temas, dos seus inicios no mundo da música ou das experiencias e anécdotas que acumulan en todos estes anos de carreira.

Ademais, cada un desde a súa perspectiva analizarán o momento no que se atopa a música galega, cada vez máis capaz de saír das fronteiras do país.

O ciclo Conversas no primeiro andar conta co apoio do Concello de Pontevedra a través da concellería de Promoción da Cidade.

É unha iniciativa de Jack-Jack Producciones, a axencia responsable de eventos como o Surfing the Lérez ou o Galegote Rock.