A UNED en Pontevedra acolle este xoves 5 de xuño, ás 18:30 horas, a inauguración oficial dunha mostra pictórica e fotográfica da Asociación Artística e Cultural de Pontevedra.
Durante o evento procederase á presentación do libro "21 Solamente", de Raquel Villanueva Lorca.
A mostra permanecerá aberta até o 24 de xullo e nesta ocasión expoñen as súas obras Zsuzsi Kanyo, Violeta Arisha Tasende, Santiago Sancho, Remedios Priegue, Pili Soliño, Mauricio Rodríguez, M. Jesús G. Burgueño, Mª Teresa Calvo, Mª José Pérez, Lola Couto, Lino Souto, Kuqui Pazos, Isabel Leyes, Eulogio Tordesillas, Elena Fernández de Dios, Dalia Ponte, Carmen Payo, Carmen Martín, Carmen Gago, Carmen Álvaro, Cajete e Ángeles Fondevila.
Esta actividade, que se realiza en colaboración co departamento de Extensión Universitaria, que coordina Rafael Cotelo Pazos, pretende mostrar ao público en xeral as creacións pictóricas e fotográficas dos membros desta asociación artística e cultural que ten como localización de referencia ao Liceo Casino de Pontevedra, lugar no que adoitan reunirse.
A Asociación Artística-Cultural de Pontevedra fundouse no ano 1996 facéndoo cunha exposición colectiva con obras de 58 dos seus membros, no Salón Nobre do Liceo Casino de Pontevedra.
Na actualidade está formada por uns 70 socios, principalmente pintores, pero tamén a integran poetas, fotógrafos, escritores, etc., así como persoas amantes da arte e a cultura.
Esta Asociación levou o nome da cidade de Pontevedra por distintos lugares de España e de Portugal.
Entre as súas actividades figuran mostras de pintura e diversos eventos culturais, habéndose realizado exposicións en lugares tan variados como Barcelona, Oporto, Madrid ou Valença do Miño; mostras como a de "Veranee con arte", con carácter anual que se realiza en colaboración cos comercios da zona centro de Pontevedra; visitas ou rutas de culturais dentro e fóra da provincia; a publicación semestral dos revista "Contrastes" cuxo número 0 saíu á luz no ano 1998; a realización da súa páxina web (www.asacpo.com), ademais de conferencias, recitais e diversos actos sociais.