Mourelos e Coronado presentan a comedia 'El Electo' en Afundación este xoves 31

Pontevedra
28 de marzo 2022

A obra está dirixida por Cándido Pazó e ofrece unha divertida situación entre un presidente de goberno que está a punto de dar o seu discurso de investidura e un psiquiatra que trata de axudalo ante o tic nervioso que ataca ao político. A obra, recomendada para público maior de 14 anos, comezará ás 20.30 horas no Auditorio de Afundación de Pontevedra este xoves 31 con entradas a partir dos 18 euros

'El Electo', espectáculo teatral dirixido por Cándido Pazó
'El Electo', espectáculo teatral dirixido por Cándido Pazó

Os actores Fernando Coronado e Antonio Mourelos son os protagonistas de 'El Electo', unha comedia sobre a política e as terapias psiquiátricas, que se representa este xoves 31 de marzo a partir das 20.30 horas no Auditorio de Afundación en Pontevedra.

O texto orixinal de Ramón Madaula ofrece unha batalla dialéctica divertida entre os dous personaxes interpretados por dous actores que coincidiron na rodaxe da serie televisiva 'El secreto de Puente Viejo'. Ambos se integraron neste proxecto dirixido por Cándido Pazó nunha produción das compañías teatrais Contraproducións e Focus.

A historia narra as circunstancias provocadas por un singular tic nervioso que un presidente do goberno sofre antes de ler o seu discurso de investidura. Ante o temor de presentarse con ese espasmo ante os medios de comunicación e a opinión pública, o político solicita a axuda dun psiquiatra, interpretado polo coñecido actor galego que deu vida ao xuíz Beigbeder en 'Fariña' ou a Evaristo Fiúza.en 'Serramoura', que lle levará a reflexionar sobre os seus segredos máis persoais e as motivacións da súa carreira cara ao poder, a responsabilidade civil ou a moral persoal e social. A partir desta proposta, o espectador descubrirá os feitos da vida que marcaron o futuro dun e outro e cales son as intencións dos personaxes.

As entradas xa están á venda a través de Ataquilla desde os 18 euros.