'Mulleres mirando ás mulleres' pecha o seu ciclo de concertos en Pontevedra

Pontevedra
23 de setembro 2021

Será o vindeiro sábado 25 de setembro, a partir das 20.30 horas no Liceo Casino, con entrada libre ata completar aforo, e nel participarán a compositora e pianista Julia Dopico, a pianista internacional Isabel Pérez Dobarro e as violinistas Raquel e Sara Areal

 Ciclo de concertos 'Mulleres mirando ás mulleres'
Ciclo de concertos 'Mulleres mirando ás mulleres' / 'Mulleres mirando ás mulleres'

O ciclo 'Mulleres mirando ás mulleres', un proxecto que une música e literatura, celebrará a súa última xornada en Pontevedra o vindeiro sábado 25 de setembro, a partir das 20.30 horas no Liceo Casino.

No concerto, con entrada libre ata completar aforo, participarán a compositora e pianista Julia Dopico, a pianista internacional Isabel Pérez Dobarro e as violinistas Raquel e Sara Areal.

Esta actuación musical será unha homenaxe ás figuras de Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruja Mallo, entre outras.

A coruñesa Julia Dopico é unha das compositoras máis recoñecidas a nivel internacional. No concerto interpretará obras propias e inspiradas nas artistas galegas ás que se homenaxea. O programa complementarase coa música da compositora romántica Eugenia de Osterberger, a de Margarita Viso ou a inspirada nos poemas de Fanny Garrido.

Pola súa banda, Isabel Pérez Dobarro, nada en Santiago de Compostela, é profesora na prestixiosa London Performing Academy of Music e posúe unha ampla traxectoria concertística desde o Carnegie Hall ata o Tchaikovsky de Moscova.

Sara e Raquel Areal Martínez son dúas grandes violinistas galegas que triunfan en Viena e Madrid, respectivamente, e que tamén quixeron unirse a un proxecto que xa cultivou un grande éxito en Estados Unidos e traen agora á súa terra.

Esta homenaxe á muller galega a través das artes "busca redescubrir o legado artístico de grandes mulleres da nosa terra, como é o caso de Rosalía de Castro,  Maruja Mallo ou a soldadeira medieval María Balteira", explica Dobarro. Neste sentido, as creacións de Julia Dopico exprésanse en títulos tan sentidos como "Meninha Balteira", " Miña Estrela" ou "Cores no ar", inspirados nestas mulleres.

A xira de concertos está patrocinada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e conta co apoio das entidades que ceden os seus espazos para a realización destes concertos e o Concello de Ferrol.