O Museo ofrece un concerto que recupera as composicións para piano de Xoán Montes

Pontevedra
11 de novembro 2025
Actualizado: 11:49

Os pianistas Javier Ares Espiño, Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto interpretarán as obras para este instrumento dun dos grandes compositores do Rexurdimento galego

Interpretación ao piano
Interpretación ao piano

A Deputación organiza este sábado 15 de novembro ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o concerto "Xoán Montes ao piano".

Será o último dunha serie de concertos por diferentes localidades galegas nas que os pianistas Javier Ares Espiño, Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto interpretarán as obras para este instrumento dun dos grandes compositores do Rexurdimento galego.

A produción para piano de Xoán Montes é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical.

Os intérpretes encargados da interpretación neste proxecto contan con sólidas traxectorias artísticas e consolidadas como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI.

Xoán Montes é o autor da canción 'Negra sombra' e foi recoñecido pola súa música sacra e as súas composicións para coro e orquestra.

Con estes concertos quere recuperarse a súa faceta máis lúdica e revivir o seu paso polos cafés-concerto da cidade de Lugo.

O concerto desenvolverase en dúas partes e nel soarán habaneras, mazurcas, valses ou polcas, así como composicións para interpretar a catro e a seis mans.