A Deputación de Pontevedra vén de incorporar unha nova guía en papel dirixida ás persoas que visitan o Museo de Pontevedra pola súa conta.
Baixo o título 'Volver a ser humanos: arte, guerra e esperanza', o folleto ofrece un percorrido pola colección permanente a través de 12 obras seleccionadas nos edificios Castelao e Sarmiento.
A proposta convida a reflexionar sobre o impacto da guerra e a súa superación desde a empatía, eixo central da 32ª Bienal de Pontevedra.
A Bienal, recuperada o pasado verán, reuniu máis de sesenta creadores internacionais baixo o lema 'Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais'.
As súas obras abordaron a guerra non só como conflito bélico, senón como unha crise que esfarela o tecido social, emocional e económico das comunidades. A exposición defendía que a saída destes procesos pasa por recuperar a humanidade, a capacidade de reflexión e a empatía.
Coa clausura desta edición, o Museo propón agora que o público volva a mirar a colección permanente para atopar nela ecos desta mesma realidade. As pezas escollidas permiten afondar na destrución causada pola guerra, pero tamén na esperanza que xorde a través da arte, da espiritualidade e da imaxinación.
O itinerario abrangue desde a Idade de Ferro, representada polo torque do tesouro de Foxados, ata obras creadas na segunda metade do século XX, como 'Homínido', de Juana Francés, ou un gravado sen título de Florencio Galindo de la Vara.
No camiño, inclúense pezas como o tímpano románico de San Martiño de Moaña, que inspirou un mosaico presente na última Bienal; o sepulcro gótico de Suero Gómez de Soutomaior; ou os 'Pingüíns' de Francisco Vázquez Días "Compostela", unha reflexión escultórica sobre os límites entre o humano e o animal.
Tamén destacan obras de debuxo e pintura que permiten abordar temas relacionados: a escravitude en 'O eunuco', de Mariano Fortuny; a violencia e a represión en 'Cruce dos Pireneos', de Uxío Souto, e en 'A derradeira lección do mestre', de Castelao; a utopía en 'Rolda de nenos'; ou a persistencia da dor en 'A familia do pintor', de Celestino Poza. O percorrido inclúe mesmo un espazo para o humor e a banalización da guerra a través dos coñecidos 'mambrús', as xerras humanas de Sargadelos.
Esta guía é a segunda entrega da serie 'O Museo en 1 hora', iniciada en 2024 co obxectivo de ofrecer itinerarios breves e claros para quen dispón de pouco tempo ou prefire unha visita autónoma pero orientada. O primeiro percorrido, xa dispoñible, destaca pola súa diversidade, reunindo pezas de ourivería, pintura, debuxo, escultura, mobiliario e cerámica.