Os concertos da primeira edición do Festival de Música Alternativa Raxonita Music Festival, organizado pola Asociación de Hostaleiros de Raxó en colaboración co Concello de Poio, están a lograr unha boa acollida de público durante o seu arranque. Na noite deste martes 12, se non se rexistran chuvias, chega a quenda da música de cine a cargo de A Dolce Vita, a cantante letoa residente en Raxó e de nome Vita Ivaskevica realizará unha interpretación de temas clásicos de películas a partir das 23.00 horas no porto de Raxó.
Mañá será Foxy Freire o encargado de clausurar este festival ofrecendo rock da década dos 70. Durante as primeiras xornadas actuaron o grupo de Poio, Champurrada, con rock bravú e o quinteto de jazz de Virxilio da Silva, músico de Portonovo, que foi obxecto dunha polémica suspensión do seu concerto nun local nocturno de Sanxenxo.
Ata o domingo 17 de agosto poderá visitarse a Feira de Artesanía Chalana, con postos nos que se ofrecen obxectos de prata, deseño, coiro, bolsos e camisetas, queixos de Galicia, conservas, vermú e xenebra, ademais de cervexa artesá de Poio.