Música e diversión danse a man na Illa das Esculturas cun exitoso Festival do Leite

Pontevedra
15 de setembro 2018

Bo tempo, un marco incomparable como a Illa das Esculturas e o mellor da música galega do momento. Con eses ingredientes semellaba difícil que o Festival do Leite, organizado por Deleite, non aterrase en Pontevedra cun éxito de participación como o deste sábado

Festival do Leite na Illa das Esculturas
Festival do Leite na Illa das Esculturas / Diego Torrado

Non era o Surfing The Lérez, pero a fórmula hai anos que demostrou que funciona. 

Bo tempo, un marco incomparable como a Illa das Esculturas e o mellor da música galega do momento. Con eses ingredientes semellaba difícil que o Festival do Leite non aterrase de pé en Pontevedra, regalando unha xornada de sol, música e diversión para toda a familia a beiras do río Lérez.

O evento, organizado pola marca Deleite Galego e con entrada de balde, atraeu a un gran número de público desde o mediodía para ver en directo a grupos como De Vacas, Sés, The Limboos, Triángulo de Amor Bizarro, Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas DJ.

Todo iso sen esquecer a proposta infantil a cargo de María Fumaça e a Gramola Gominola, así como cun taller de debuxo de Luís Davila, "O Bichero".

O Festival do Leite resultou un éxito rotundo cumprindo ademais con outro dos seus obxectivos, poñer en valor entre pontevedreses e visitantes a importancia estratéxica do sector lácteo de Galicia.