Música, literatura e solidariedade volven xuntarse no Orixe Festival de Caldas de Reis

Umia
07 de agosto 2018

Os concertos terán lugar o sábado 18 e as actividades complementarias, que terán lugar na semana seguinte, inclúen un recital poético, unha charla sobre a cultura vikinga, unha jam sesion e a presentación do novo libro de Baia Fernández

Presentación do Orixe Festival de Caldas de Reis
Presentación do Orixe Festival de Caldas de Reis / Deputación de Pontevedra

As formacións musicais Nao, Cuarta Xusta, Tecor Societário e Cabina serán os grupos que encabecen o concerto con abrirá unha nova edición do Orixe Festival, o vindeiro sábado 18 de agosto no malecón de Caldas de Reis. 

Música, literatura e solidariedade volven dar a man esta proposta, que durante a seguinte semana contará cunha programación complemetaria. 

Por primeira vez a cita musical será a encargada de abrir un festival que na súa vertente solidaria colaborará co Banco de Alimentos. De feito cada asistente deberá depositar un quilo de comida a modo de entrada ao recinto.

"Este é un Festival realmente inclusivo, porque ademais de seguir apostando pola solidariedade, tamén involucra ao tecido local no desenvolvemento do evento, aposta pola lingua galega e deseña un programa paralelo de actividades orientadas a todo tipo de públicos",  asegurou na presentación do  Orixe Festival o deputado provincial Xosé Leal xunto ao alcalde de Caldas, José Manuel Rey, a concelleira de Cultura, María López, o representante do Banco de Alimentos José Luis Doval e Martín Agrelo, membro da Asociación Zona Afectada, organizadora do evento.

As actividades paralelas, que terán lugar ás 21:30 horas, comezarán o domingo 20 na rúa Real cun recital poético, continuarán o luns na praza da Leña cunha charla sobre a influencia da cultura viquinga na comarca e na provincia de Pontevedra a cargo de Pabl  Culebras, o martes na praza do Camiño cunha jam sesion aberta a todas as persoas que queiran sumarse cos seus instrumentos e finalizarán o mércores coa presentación do novo libro da autora local Baia Fernández que leva por título 'Laia'.