Música, natureza e gastronomía, cóctel vangardista do bicéfalo PortAmérica 2022

Umia
23 de maio 2022

A primeira cita dos Rías Baixas Fest 2022 chegará entre o 2 e o 4 de xuño coa celebración na Azucreira de Portas e na Tafona de Caldas de Reis deste evento musical. Na mañá deste luns presentábase coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurando que "este ano vai ser espectacular porque a xente está desexosa de ser feliz"

Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a presentación de PortAmérica 2022
Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a presentación de PortAmérica 2022 / Deputación de Pontevedra

Portas e Caldas preparásense para que a partir do venres 2 de xuño sexan os escenarios da primeira cita dos Rías Baixas Fest 2022 co arranque do PortAmérica. Este luns presentábase a edición deste ano coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que cualifica este evento como unha "referencia da industria musical en todo o Estado".

Nesta ocasión combinaranse a música, a natureza e a gastronomía con diversas propostas nunha ampla programación que se desenvolverá na Azucreira de Portas; a Tafona e a Carballeira de Caldas de Reis. A presidenta provincial destacou o traballo desenvolvido pola produtora Esmerarte baixo a dirección de Kin Martínez, desde hai unha década, e a colaboración dos alcaldes de Portas, Ricardo Martínez, e de Caldas, Juan Manuel Rey, para que esta cita cultura sexa "espectacular".

"A xente está desexosa de ser feliz", indicou Silva explicando que a maior felicidade chega da man da cultura. Lembrou que PortAmérica leva anos promocionando o territorio coa combinación de cociña tradicional e da mellor música.

A programación comezará o 2 de xuño coas actuacións de Lori Meyers, Delaporte, El Columpio Asesino, Muchachito Bombo Infierno, Natalia Lacunza, Rojuu, Cápsula, Fon Román e Grande Amore.

O venres 3 será a quenda de WOS, Rozalén, Baiuca, Andrés Suárez, Instituto Mexicano del Sonido, Coque Malla, Arde Bogotá, Alice Wonder, La La Love You e The Parrots. E xa o sábado 4 os encargados de subirse ao escenario serán Nathy Peluso, Bizarrap, Xoel López, Viva Suecia, Mikel Erentxun, Depedro, Queralt Lahoz, Lisandro Aristimuño, Amparanoia, Dengue Dengue Dengue, Serbia, Dani e Flecha Valona.

Tamén se celebrará un showroking, elemento característico deste festival. Nesta ocasión participarán preto de corenta chefs Estrella Michelín e 39 soles Repsol, baixo o comisariado de Pepe Solla. Con esta proposta, o festival convértese nunha alternativa turística singular.

Outra das novidades desta edición será a posta en marcha de sesións vermú durante as mañás do sábado e do domingo na área termal da Tafona, nun espazo natural próximo ao río Umia en Caldas. Nestas sesións actuarán  Marilia Monzón, Marisa Valle Roso, Santi Araujo y Pablo Lesuit e o domingo 5, o público poderá escoitar a Mavica, Sarria e Igloo.

A organización ofrecerá liñas de autobuses desde as seis principais cidades galegas e está prevista que participen, como no resto dos Rías Baixas Fest, mozas mentorizadas dentro do empoderamento do talento musical feminino da provincia denominado 'Descúbreas', que ten en marcha a Deputación. Tamén se poñerán en marcha as campañas de igualdade, con repartición de material e a presentación dun audiovisual.

PortAmérica tamén forma parte dos Fest Galicia, da Xunta. Luís López, delegado territorial da administración autonómica, destacou durante a súa intervención o traballo e esforzo que realizan os Concellos e os promotores musicais para que Galicia se atope na vangarda do panorama musical europeo neste ano Xacobeo. Precisamente PortAmérica será tamén a cita de arranque dos concertos previstos na programación do Xacobeo 22.