Este sábado 13 de setembro, ás 19:00 horas, as instalacións do Liceo Casino na Caeira encheranse de música e nostalxia con dous grupos míticos do pop español: Amistades Peligrosas e Cómplices.
Os organizadores prometen unha "noite de sons inesquecibles" que marcaron xeracións.
Amistades Peligrosas son o icónico dúo formado por Cristina del Valle e Alberto Comesaña que conquistou as listas de éxitos con temas como "Estoy por ti", "Muy peligroso", "Hágase tu voluntad" ou "Me haces tanto bien".
Desde aquel primeiro encontro en 1989 durante un programa da TVG, a faísca artística e persoal levounos a crear un proxecto musical que, a pesar de voltas e reviravoltas, segue máis vivo que nunca.
Quen non se acorda de "… basta ya de tanta tontería. Hoy voy a ir al grano te voy a meter mano"?.
Cómplices son os outros protagonistas da noite. Tras a súa etapa en Golpes Bajos, Teo Cardalda únese á súa parella María Monsonís para dar vida a estoutro dúo imprescindible do panorama musical español.
O seu primeiro álbum, "Manzanas", edítase en 1988, destacando as cancións "Dama del río" e "Serás mi cómplice". En 1990 lanzan o seu terceiro álbum de estudo do cal se desprende a súa canción máis representativa, "Es por ti".
Amistades Peligrosas e Cómplices serán os protagonistas desta velada musical no Liceo Casino que abrirá Rober Calvo como teloneiro, e ao finalizar os concertos, un DJ porá ritmo á noite para seguir celebrando.
As entradas para esta noite de recordos, emocións e boa música están á venda a un prezo de dez euros para os socios e de 25 para as persoas que non sexan socias.