Aos seus 31 anos, Ismael Cabaleiro reinventouse. O violinista natural de Arcade fíxoo a través dun novo traballo discográfico, un EP titulado Fóra.
No disco, que nace da exploración de novas linguaxes, o artista desenvolve unha proposta na que o violín ocupa o centro creativo e expresivo das súas composicións.
Así, o cinco temas que conforman este EP parten dunha idea fundamental, "que cada peza poida defenderse a violín só", explica o propio Cabaleiro.
Desde esa esencia nacen pezas que posteriormente evolucionan cara a formatos máis amplos mediante a incorporación de novos elementos e texturas sonoras, con instrumentos como a viola ou os sintetizadores.
Fóra concíbese como un espazo desde o que explorar outros estilos, ampliar horizontes musicais e profundar na construción dunha voz propia como autor.

Partindo da súa formación en jazz, Ismael Cabaleiro desenvolve neste traballo unha proposta marcada pola apertura sonora e a improvisación, mesturando influencias da música tradicional, o bluegrass e outras linguaxes contemporáneas
O proxecto conta ademais con varias pezas audiovisuais que expanden o seu universo, entre eles un videoclip que funciona como unha homenaxe ao seu pobo natal, Arcade.
O artista presentará este novo traballo discográfico en directo o 4 de xuño na Casa das Crechas, en Santiago, en formato trío, acompañado de Elena Domínguez ao violoncelo e Juanjo Fernández en sintetizadores e piano.
Seguiralle, posteriormente, unha serie de concertos en Noia, Vigo, Arcade ou Pontevedra, entre outros escenarios, durante os próximos meses.